Os traballos consistirán na ampliación da vía para permitir o paso de vehículos en dous carrís e o acondicionamento dun dos lados a modo de beirrarúa para permitir o tránsito de persoas, cun ancho mínimo de dous metros. Ademais, instalarase alumeado público con luminarias LED cada 25 metros e puntos de luz específicos para a sinalización dos dous pasos de peóns elevados que se disporán ao longo da estrada.
O convenio tamén contempla a mellora do cruce entre a estrada e a rúa Segundo Moreno Barcia, para facilitar o xiro dos vehículos pesados, así como a renovación da rede de pluviais da rúa Segundo Moreno Barcia
A área de Medio Rural achegará 280.000 euros para a execución das obras, que contan cun orzamento total de 359.700 euros. A deputada Mónica Freire Rancaño sinalou que “con este convenio de colaboración se solventará o deterioro dun vial moi utilizado polo tráfico pesado, especialmente para o transporte da madeira que se corta nas parroquias do interior do concello”.
A deputada explicou que “tras esta aprobación da Xunta de Goberno, nos vindeiros días asinaremos o convenio interadministrativo co concello de Ribadeo para poder levar a cabo este investimento tan necesario canto antes”.
O Concello de Ribadeo xa avanzara que conta cos permisos necesarios para executar as obras de mellora e ampliación, que se realizarán, en parte, en terreos de Adif.