Lugo, 13 de novembro de 2020. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez chama a todas as institucións e cidadáns lucenses a traballar xuntos para erradicar a violencia de xénero, unha lacra que segue moi presente na sociedade, como o demostran os 547 casos activos que ten rexistrados na provincia de Lugo o sistema Vioxen de protección das vítimas. A subdelegada detallou que na provincia non hai casos catalogados de risco extremo, pero sí hai 2 de risco alto, 55 que son de risco medio, 219 de risco baixo e 271 de risco non apreciado.
A subdelegada alertou sobre a persistencia da violencia exercida sobre a muller logo de instalar no balcón da Subdelegación unha pancarta conmemorativa do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, acto no que a acompañaron a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Luisa Castro. A colocación desta pancarta na fachada principal é o primeiro dos actos organizados pola Subdelegación con motivo do 25N.
A subdelegada destacou que “é obriga de todos actuar contra as agresións machistas” e lembrou que “a loita contra a violencia de xénero é unha clara prioridade para o Goberno de Pedro Sánchez
“Ademais de traballar na protección das vítimas, o Goberno pon a súa disposición distintos recursos como é a renta activa de inserción ou as axudas para cambio de residencia e tamén facilita recursos aos concellos para desenvolver actividades que conciencien á sociedade da necesidade de plantarlle cara a esta lacra”, explicou Rodríguez.
Así a subdelegada informou de que na provincia de Lugo, ata o 30 de setembro, 111 vítimas percibiron a renta activa de inserción, con un importe total de 47.760 euros. Ademais, concedéronse axudas para cambio de residencia a 7 mulleres.
En canto aos medios de apoio e protección, entre xaneiro e setembro no teléfono 016 foron atendidas 197 chamadas de mulleres lucenses. No mesmo período 40 mulleres da provincia foron usuarias do servizo ATENPRO de atención e protección ás vítimas de violencia de xénero e activáronse 22 dispositivos do sistema de control telemático de medidas e penas de alonxamento no ámbito da violencia de xénero.
En canto aos fondos destinados aos concellos da provincia, este ano o Goberno abonou un total de 152.285 euros aos municipios lucenses para a realización de proxectos e programas contra a violencia de xénero. Estes fondos distribúense do seguinte xeito: cada un dos concellos recibe unha cantidade fixa de 689 euros e a esa cifra engádese outra cantidade que se calcula en función da súa poboación (0,18€ por habitante). O remanente dos fondos distribúese proporcionalmente entre os municipios incorporados ao sistema Vioxen.
PROGRAMA DE ACTOS
O día 23 de novembro celebrarase unha xornada formativa telemática dirixida a persoal dos servizos sociais dos concellos da provincia e dos centros de información da muller. A ponencia, titulada “Stop violencia contra as mulleres”, correrá a cargo da psicóloga xurídica e forense Laura Redondo e terá lugar ás 12 horas.
Na xornada do 25 de novembro a fachada da Subdelegación iluminarase de cor violeta. Ademais, ás 12 horas gardarase un minuto de silencio por todas as vítimas causadas pola violencia de xénero, farase a lectura dun manifesto conmemorativo e realizarase unha solta de globos en lembranza das mulleres asesinadas pola violencia machista.