Lugo, 14 de novembro de 2020. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, apela ao civismo dos lucenses na véspera da celebración do Día Mundial en Memoria das Vítimas do Tráfico, que se conmemora o 15 de novembro baixo co lema “Lembra, Apoia, Actúa”. Esta iniciativa botou andar hai 25 anos a iniciativa das organizacións europeas de vítimas e converteuse en conmemoración mundial en 2005 por decisión da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
Isabel Rodríguez pediu a todos os usuarios das estradas da provincia que actúen nos seus desprazamentos coa máxima prudencia e sempre con respecto as normas de seguridade viaria e ao resto das persoas.
A subdelegada fixo este chamamento ao tempo que informou de que desde xaneiro perderon a vida 12 persoas en accidentes ocorridos nas vías lucenses.
Dende a Dirección Xeral de Tráfico, o xefe provincial, Ángel Álvarez, considerou que o Día na Memoria das Vítimas do Tráfico é, en primeiro lugar, un día para o recordo. Para todas as vítimas, só elas e as súas familias e achegados coñecen o sufrimento e as dificultades que tiveron que afrontar. Tamén é un día para recoñecer o encomiable labor que as organizacións de vítimas realizan nos ámbitos da prevención, concienciación, atención e reinserción das persoas afectadas pola violencia viaria. Temos a fortuna de contar cunha sociedade civil activa e profundamente implicada na construción dun espazo social de auténtica responsabilidade compartida.Recoñecemos así mesmo a dedicación de todas as persoas que forman parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e das Policías Autonómicas e Locais, membros dos servizos de auxilio e emerxencia e profesionais das empresas de conservación e explotación. Agradecemos a súa entrega e temos presentes a todas as persoas que perderon as súas vidas mentres traballaban pola nosa seguridade nas vías públicas. Por último, hoxe é un día para o compromiso, un compromiso de toda a sociedade española e, particularmente, de administracións, organizacións e empresas.
• Compromiso de atender ás vítimas do tráfico con xustiza e sensibilidade, evitando que constitúan un colectivo inxustamente oculto.
• Compromiso de loitar contra os comportamentos incívicos que tanto dor seguen causando.
• Compromiso de traballar xuntos por unha seguridade viaria humana, construída sobre o principio da protección das persoas.
LEMBRA, APOIA, ACTÚA
En España, logrouse un enorme progreso en materia de seguridade viaria: redución do número de vítimas mortais nun 81% entre 1989 e 2019, pero non é suficiente: 1.755 persoas faleceron en accidentes de tráfico en España en 2019 e 8.613 persoas requiriron hospitalización, o que segue sendo un importante problema de saúde pública, con amplas consecuencias sociais e económicas, co que non podemos aceptar que haxa que convivir como algo normal e insuperable.
Na provincia de Lugo, 19 persoas perderon a vida en 2019, 17 delas en vías interurbanas e 2 en zona urbana. Aínda que representan a parte máis tráxica do problema, non debemos esquecer que tamén houbo 73 feridos hospitalizados e 563 non hospitalizados, moitos dos cales tiveron que sufrir dores, escaiolas, baixas laborais e outras consecuencias que alteraron e mesmo seguen alterando notablemente a súa vida cotiá e a das súas familias. Os meses máis tráxicos foron setembro e outubro, con 7 falecidos en total, o que, por desgraza, converteuse nunha tendencia habitual durante os últimos anos.
No que vai de 2020 levamos 12 persoas falecidas, 44 que necesitaron hospitalización e 345 feridos que non a precisaron. As cifras de accidentalidade con vítimas son moi inferiores ás do ano pasado nestas mesmas datas (máis dun 20% de redución, con especial incidencia en zona urbana) e iso débese ao compromiso de todas as persoas que convivimos nas rúas e estradas, pero tamén ás restricións de mobilidade por mor da crise sanitaria do COVID-19.
Con todo, os datos de outubro foron preocupantes na nosa provincia: Respecto a 2019, a accidentalidade con vítimas durante ese mes tamén baixou, en máis dun 50% (30% en vías interurbanas), o que son cifras moi positivas, pero tanto o número de falecidos (4 fronte a 3) como de feridos hospitalizados foi maior, o que nos debe chamar a atención sobre as consecuencias dun descoido ou unha imprudencia e como pode alterar a nosa vida en apenas uns segundos.
A seguridade nas nosas rúas e estradas nunca se pode dar por suposta, por positivos que sexan os datos: sempre dependerá do que fagamos cada vez que nos poñemos aos mandos do noso vehículo, ou imos en bicicleta, ou saímos como peóns. Se o fixemos ben onte, valeu para onte e sen dúbida foi moi importante para afianzar a nosa maneira de circular con seguridade, pero non nos vai a inmunizar contra un descoido ou unha mala manobra que podamos cometer hoxe, mañá ou o día que menos podamos imaxinar. Moitos accidentes graves prodúcense preto do domicilio e en estradas ou rúas ben coñecidas, por un descoido, velocidade inadecuada ou coller o coche con dúas copas porque, total, “imos aí á beira”.
Os usuarios vulnerables (peóns, ciclistas e condutores ou pasaxeiros de vehículos motorizados de dous e tres rodas) representan a metade de todos os falecidos por accidente de tráfico a nivel mundial. Na nosa provincia, por desgraza, cada ano veñen falecendo varios peóns como consecuencia de atropelo. O ano 2019 foi especialmente tráxico, con nada menos que cinco atropelos mortais. En 2020, ata finais de setembro rexistráronse 9 atropelos na estrada con vítimas, unha delas mortal.
As rúas e estradas son de todas e todos, co sentido común necesario para organizar a convivencia entre os distintos tipos de usuarios. As cifras de peóns e ciclistas falecidos nas nosas estradas e rúas, son unha gran preocupación, pero non é sostible renunciar á promoción dunha mobilidade universal, activa e segura, fundamental para o cumprimento dos obxectivos en materia de medio ambiente, benestar e saúde da poboación. Cada vez máis, a circulación é convivencia con usuarios diferentes a nós, e de todos depende que sexa unha convivencia segura e, por que non, o máis harmoniosa e agradable posible.
NOVAS NORMAS PARA AUMENTAR A SEGURIDADE VIARIA
Por iso, esta mesma semana, xa dentro de semana de conmemoración do Día Mundial, o Goberno aprobou un paquete lexislativo sobre seguridade viaria, no que destaca a redución do límite de velocidade en vías urbanas a 30 km/ h, en rúas dun carril por sentido; e 20 km/ h, en rúas de plataforma única. Esta medida contribuirá a facer as nosas cidades máis humanas, e protexerá aos usuarios vulnerables, que supoñen o 82% das persoas falecidas en cidade.
A mellor homenaxe e recoñecemento que podemos facer ás vítimas de accidentes de tráfico, aos seus familiares e achegados é o noso firme compromiso cada día. Se traballamos con constancia, consideramos posible cumprir o obxectivo de reducir o número de mortes e lesionados graves nun 50% – como mínimo- durante a década 2021/2030, aceptando como roteiro a que marca o Sistema Seguro. O reto é grande e esixe acción desde hoxe.