Site icon Crónica3.com A Mariña

Inaugúrase a mostra “Mariñas, marosas e maruxainas”, con 16 retratos que visibilizan o traballo das mulleres da Mariña

 Lugo, 16 de novembro de 2020. Este luns inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a primeira entrega do proxecto “Amar a mar: Mariñas, marosas e maruxainas”, que se centra en recoñecer e visibilizar as mulleres da Mariña. A mostra inclúe 16 retratos femininos – un por cada un dos concellos da comarca – e outros tantos textos, que inciden no papel das mulleres na configuración material e cultural da Mariña.

Segundo explicou a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, “trátase dun proxecto colaborativo, produto dun traballo en comunidade, coordinado desde o Museo do Mar de San Cibrao, que pon a mirada nas mulleres que non aparecen habitualmente representadas nos museos, nos textos, nos catálogos”.

Germán Limeres, Xosé Reigosa, Ignacio Castro “Nachok” e Lucía Sánchez, asinan as fotografías que amosan o paso do tempo polas facianas e as mans de traballadoras do mar e da terra: pescantinas, redeiras, mariscadoras, percebeiras, empregadas de conserveiras, taberneiras ou labregas.

A mostra, instalada no refectorio do Museo arredor dunha composición con caixas de peixe da lonxa de Burela e unha figura da maruxaina cedida pola Asociación de Amigos da Maruxaina de San Cibrao, complétase con dous paneis informativos de Herminia Pernas e do Chema Leal que documentan a participación das mulleres da Mariña en actividades marítimas nos séculos XIX e XX.

Na inauguración da mostra, a vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “o máis valioso da mostra son as persoas que ten detrás e que prestaron a súa creatividade, memoria e experiencia vital para render homenaxe a todas as que nos trouxeron ata aquí”.”Sodes as mellores embaixadoras da Mariña”, concluíu Ferreiro, que tamén se referiu á loita da comarca pola continuidade dos postos de traballo e da produción de aluminio en San Cibrao.

No acto, en formato virtual ante as restricións de mobilidade e capacidade obrigadas pola pandemia, interviron parte das protagonistas da mostra e representantes dos gobernos municipais da Mariña.

A mostra pode verse, de forma presencial, Museo Provincial de Lugo, anotándose previamente no teléfono 982 242112 ou do correo concertampl@gmail.com. Tamén está dispoñible a visita virtual a través da plataforma multicanle comunidadermpl.es

Exit mobile version