Site icon Crónica3.com A Mariña

Gran acollida de Burela FS TV

 Burela, 24 de novembro, 2020. A estrea de Burela FS TV contou cunha gran acollida entre a afección do fútbol sala, con máis de 5.300 visualizacións diferentes ao longo das 7 horas de emisión en directo do sábado, ofrecendo unha Tarde Laranxa de Primeira, cos partidos de Pescados Rubén Burela FS fronte a Salga Zaragoza e Jaén Paraíso Interior, ademais de previas, pospartidos e entrevistas.

A xornada 6 da elite feminina foi a primeira proba de lume para a tecnoloxía burelista, que superou sen problema o reto de ofrecer unha emisión de gran calidade visual e sonora, e sen cortes nin retardacións, a máis de 500 persoas de forma simultánea. Unha cifra espectacular para un partido que daba comezo ás 16.30 h e que se mantivo por riba das 400 persoas simultáneas ata que rematou sobre as seis da tarde.

As xoias laranxas tomaron o relevo. Pasaron por emisión 8 mozos e mozas das categorías de base do club, que ademais de disputar un torneo de PES en PS4, relataron as súas ilusións e soños futsaleiros e como están a vivir esta época tan complicada desde o punto de vista deportivo e sanitario.

A previa da xornada 11 masculina tivo como protagonista a José Venancio López Hierro, director técnico deportivo do fútbol sala da RFEF, cunha entrevista na que falou dos plans da RFEF para o futuro do fútbol sala no noso país. Durante todo o partido contra o Jaén Paraíso Interior (20.30 horas) a audiencia non baixou das 1300 persoas simultáneas, chegando a un máximo de 1510 na emocionante recta final.

Ao longo da xornada máis de 5.300 persoas diferentes visualizaron nalgún momento a emisión de Burela FS TV e contabilizáronse máis de 8.300 visitas á nosa web e máis de 22.400 páxinas vistas. Os países con máis seguimento foron España, Brasil, Italia, EEUU e Portugal, e as localidades Burela, Jaén, Madrid, Barcelona, Sevilla e A Coruña.

Desde o Pescados Rubén Burela queremos agradecer todo o apoio da afección, reflectido ademais nas redes sociais, co hashtag #TardeLaranxa en Twitter, recibindo tamén centos de comentarios positivos sobre os partidos e a emisión. Aproveitamos tamén para dar as grazas a José Venancio, á RFEF e á RFGF pola súa inestimable colaboración nesta e outras iniciativas e a todos os nosos patrocinadores.

O noso deporte pode aspirar a grandes cousas.

Exit mobile version