O popular explica tamén que “esa situación mudou por unha situación política clara que se deu no Estado: fronte ao intento do Goberno socialista de Pedro Sánchez de confiscar e quedarse cos aforros de tódalas entidades locais do Estado houbo unha reacción liderada polas administracións nas que goberna o Partido Popular en contra desa confiscación”.
Ante esta situación, “o Goberno tivo que dar marcha atrás” e isto é o que nos leva ao punto no que estamos agora mesmo; “pero non foi grazas a persoeiros como o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, que se puxo dacordo nesa confiscación e quedou no máis absoluto ridículo cando tivo que rectificar”.
O popular convidou ao goberno provincial a levar a acabo un plan covid de apoio ao tecido económico e social “o mesmo que xa plantexamos fai seis meses”. Advertiu tamén que “antes escudábanse na imposibilidade legal de dispoñer dos fondos, pero agora non teñen escusa. É o momento de darlle a provincia o que precisa ante a actual situación” derivada da pandemia do coronavirus. Por iso, García volveu pedir “aumentar o Plan Único”.
“Non é o momento de facer orzamentos continuistas, de corta e pega, como anunciara o presidente. Ante unha situación preocupante na que se atopa o tecido económico e social da provincia e o futuro complicado que se presenta para moitas familias e para os propios concellos tamén; a Deputación tense que deixar de contos e incrementar o Plan Único ou, no seu defecto, un plan específico de axudas con directrices claras sen discriminación entre concellos e persoas da mesma provincia co que facer fronte a esta situación”.
“Despois do fracaso do Goberno do Estado de confiscar os aforros das institucións locais, é o momento de que se note a dispoñibilidade destes fondos e de que a Deputación serve para algo no ano da gran pandemia” porque “ata agora, non vimos ningunha resposta por parte do goberno provincial para facer fronte ás consecuencias da pandemia. A pesar de ter anunciado a bombo e platillo un plan de 3,3 millóns de euros para medidas específicas de apoio ao tecido económico da provincia, non coñecemos que se teña asinado ningún convenio nin sabemos tampouco o nivel do plan executado a día de hoxe”, dixo García.
Neste sentido, o deputado popular considerou “unha pena” que non “o goberno provincial non traian ao pleno propostas específicas para facer fronte a esta situación concreta aparelladas a eses máis de 4 millóns de euros”.