Foz, 4 de novembro de 2020. O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, destaca que o auto da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que prohibe a Alcoa parar as cubas da factoría de San Cibrao é importante para que se venda a planta e se siga fabricando aluminio de calidade na Mariña.
“Hoxe fomos coñecedores dunha boa nova, o auto de medidas cautelares ditado pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que aínda que non recolle todas as demandas dos sindicatos si que ordena, de forma moi clara, á empresa Alcoa a absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas. Non pode facelo por orde xudicial. Isto é moi importante para manter viable a planta, para que se poida facer efectiva dunha vez esa compra por parte de Liberty, que esperamos todos; que Alcoa venda xa a planta e que permita seguir fabricando aluminio de calidade na comarca cun proxecto industrial viable, para o que estamos todos presionando”, manifesta Fran Cajoto.
O rexedor focense recorda que “esta demanda é de todo o comité de empresa, dos tres sindicatos, pero tamén apoiada pola Xunta de Galicia e polos ministerios de Industria e de Transición Ecológica, co cal estamos todas as administracións, todos os traballadores e toda a comarca da Mariña presionando para que se manteña a produción, para que os traballos non se perdan e para que unha nova empresa faga viable un proxecto industrial a medio e a longo prazo. Non podemos perder unha industria máis nin un posto de traballo máis”.