Lugo, 3 de novembro de 2020. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao tesoureiro da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jorge Somoza, e o especialista en Medicina do Traballo, Santiago Díaz de Freijo, presentaron este martes na Sala de Xuntas a Guía Información Xeral sobre a COVID-19 para traballadores e empresas, unha publicación elaborada pola CEL grazas á colaboración da institución provincial que recolle unha compilación de documentos técnicos que o Ministerio de Sanidade foi publicando ao longo do desenvolvemento da pandemia.
Esta guía, explicou Pablo Rivera, “está pensada como unha ferramenta práctica para que os traballadores e traballadoras, e as empresas coñezan o virus e saiban como afrontalo e previlo”.
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que, dende o inicio da crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, “na Deputación de Lugo tomamos medidas moi rigorosas nos nosos centros de traballo e de servizos para evitar na medida do posible a propagación do virus. Adiantámonos en moitas ocasións aos propios protocolos marcados polas autoridades sanitarias, como foi no caso dos Centros de Atención a Maiores para minimizar riscos nun dos colectivos máis vulnerables ante o virus. Pero ademais de todo iso, colaboramos co tecido produtivo da provincia para axudar a previr a COVID-19 e combater a súa propagación”.
Hoxe, salientou Pablo Rivera, “presentamos un novo froito dese traballo conxunto”, unha guía “que segue a liña que marcou o Presidente para intentar axudar e previr o risco de contaxios na provincia, na medida das nosas posibilidades e competencias. Este tipo de iniciativas son un exemplo do noso compromiso de primar a prudencia e a anticipación sempre que se poida. Son un espello da nosa filosofía, que aposta pola transparencia, a colaboración e o traballo conxunto, compartindo información para compartir responsabilidades. Ese é o camiño que nos parece eficaz”.
Actualización constante
O coordinador da guía, Santiago Díaz de Freijo, resaltou que a elaboración desta ferramenta se iniciou en maio co inicio da desescalada, tralo primeiro período de confinamento, “a fin de contar con información precisa para asesorar ás empresas, e que se actualizou neste mes de setembro en plena segunda ola, dadas as novas evidencias e o avance no coñecemento sobre a enfermidade causada por este novo virus, así como nas técnicas para o seu diagnóstico precoz”.
Díaz de Freijo apuntou que “é posible que, co paso do tempo, algúns dos conceptos e medidas preventivas contempladas na guía se vexan sobrepasados por outros novos coñecementos e estratexias, polo que será necesario realizar un seguimento e actualización constantes tomando como referencia as publicacións técnicas das autoridades autonómicas e estatais”.
Xornadas COVID-19 por toda a provincia
A guía distribuirase en formato dixital de libre descarga a través da www.cel.es. Así mesmo, a Deputación e a CEL repartirana impresa aos asistentes das xornadas Protocolos de actuación en impacto da COVID-19 no ámbito empresarial.
Estes encontros están previstos para os días 11 de novembro, en Lugo; 18 de novembro, en Monforte de Lemos; e 2 de decembro, en Viveiro; en horario de 9:30 a 14:00 horas. A previsión é celebralos de maneira presencial, aínda que isto dependerá das medidas que vaian decretando as autoridades sanitarias fronte á pandemia.
En canto á temática, subdividiranse en dúas partes, una máis sanitaria e outra xurídica. Na primeira parte, baixo o título Prevención da COVID-19 en contornas laborais: visión técnica e protocolos de actuación, participarán Santiago Díaz de Freijo e dúas empresas de Lugo con servizos específicos relacionados coa nova enfermidade: o Instituto de Estudios Celulares e Moleculares (ICM) e AMSLab.
A segunda parte da xornada abordará o impacto para a empresa no ámbito xurídico da COVID–19, da man de José Antonio Varela Agrelo, presidente en funcións da Audiencia Provincial de Lugo; Félix Mondelo, decano do Colexio de Avogados de Lugo, e Félix Méndez, avogado de Obradoiro Legal.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de reservas, dando preferencia a empresarios e emprendedores. As persoas interesadas en obter máis información sobre o programa e as inscricións poden dirixirse á web www.cel.es ou chamar ao 982.23.11.50. Nas xornadas, que gardarán na súa organización as debidas medidas de prevención, entregarase un kit gratuíto para a prevención da COVID-19 conformado pola guía, xel e mascarillas.