Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega propón unha estratexia económica e fiscal para paliar a crise derivada da covid-19 no tecido empresarial de Ribadeo

 Ribadeo, 11 de novembro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, propón que o Concello estableza unha estratexia económica e fiscal para paliar a crise económica derivada da covid-19 e “protexer o tecido empresarial de Ribadeo dando soporte aos autónomos, microempresas e pequenas empresas; así coma aos seus traballadores”.

Trátase dunha proposta que xa presentaran en marzo e para a que o BNG votara en contra; pero agora volverán a defendela no vindeiro pleno sumándose ás distintas iniciativas que os populares levan presentando dende que comezou a pandemia. “Levamos dende marzo esixíndolle ao goberno municipal do BNG unha resposta proporcionada aos efectos que ten sobre os distintos sectores a crise económica que supuxo o establecemento de medidas de prevención fronte á expansión do coronavirus como o confinamento ou as restricións de mobilidade”.

“O goberno do BNG non pensa no tecido económico local, só para cobrar impostos”
O voceiro, Daniel Vega, sinala que “o goberno do BNG parece non pensar nada no noso tecido económico local; só para cobrar os impostos”. O popular explica que “outras administracións xa asignaron partidas orzamentarias para reactivar a economía trala crise derivada da pandemia do coronavirus; pero o goberno local de Ribadeo como responsable do administración máis próxima aos ribadenses aínda non deu resposta á situación actual”.

É por iso polo que dende o Grupo do PP propoñen unha estratexia económica e fiscal co obxectivo de impulsar a actividade económica no termo municipal ribadense outorgando liquidez ás empresas da vila para facilitarlles o cumprimento das súas obrigas empresariais e ao mantemento da súa actividade e, polo tanto, do emprego.

Vega insiste en que “o papel dos concellos nesta crise económica e de emprego é clave porque a administración do Estado e a autonómica proporcionan recursos estándares, pero que deben ser ensambladas polos Concellos adaptándoas á realidade local”. Nese sentido, engade que “o goberno local ten que exercer as súas competencias en materia de desenvolvemento económico local e emprego mediante o deseño dunha estratexia de promoción económica capaz de identificar e valorizar os recursos e proceder á adaptación dos programas ás necesidades locais”.

Cinco bloques de medidas
As medidas que propón o Grupo Municipal Popular de Ribadeo distribúense en cinco bloques:

1.- Activación de axudas directas (dentro das competencias municipais) ao tecido empresarial e, de xeito especial, á hostalería, comercio, autónomos e PEMES.

2.- Plan urxente de pago a provedores. A área económica do concello debe tomar a decisión de abonar todas as facturas pendentes para reducir o efecto económico deste tempo de parálise.

3.- En materia de política fiscal, establecer a exención ou supresión temporal daqueles impostos que recada o Concello (IAE, IBI, lixo, auga, terrazas, ocupación de vía pública, taxa para venda ambulante, etc.) para aqueles negocios, empresas ou autónomos que non poden desenvolver a súa actividade durante o período no que se prolongue a situación excepcional provocada pola crise sanitaria da covid-19.

4.- Exención ou eliminación da taxa de alugueiro dos locais da Praza de Abastos e da taxa de ocupación da vía pública para os postos dos mercados ao aire libre debido á redución das vendas. É importante apoiar á economía local e defender os produtos de proximidade e, polo tanto, aos nosos produtores.

5.- Priorizar a inversión en servizos sociais nas persoas para atender ás persoas máis vulnerables.

Fondos
Daniel Vega sinala que “para levar a cabo esta estratexia é necesario dispoñer de fondos”. Para iso, explica que “se poden empregar os recursos do Fondo de Cooperación Local que a Xunta incrementou neste exercicio un 6,6%, os do Plan Único ou incluso xerar para esta finalidade unha partida de recursos propios procedentes da devolución de impostos municipais por parte da Deputación, partidas non empregadas coma as destinadas ás festas e actividades culturais e deportivas que non se levaron a cabo, entre outros fondos”.

Exit mobile version