Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega lamenta que “o goberno local vote en contra da reactivación económica de Ribadeo”

 Ribadeo, 25 de novembro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “unha vez máis o goberno local votou en contra de desenvolver unha estratexia económica e fiscal para paliar as consecuencias da crise derivada da covid-19 en Ribadeo en beneficio das familias e do tecido económico do municipio, especialmente da hostalería, o comercio, os autónomos e pemes”.

O Grupo Municipal Popular defendeu esta iniciativa no pleno que se celebrou á última hora da tarde do martes, unha moción que xa presentaran os populares ante a corporación na sesión plenaria do mes de marzo e coa que reiteraron de novo ao goberno local a necesidade de aplicar distintas medidas “para a reactivación económica de Ribadeo” como xa teñen aplicado noutros concellos.

Daniel Vega explica que “pediamos medidas moi concretas”. Por exemplo, “achegar axudas directas aos afectados pola pandemia e, especialmente, ao sector hostaleiro, comercio, autónomos e pemes; para os que outros concellos teñen establecido xa partidas orzamentarias. Se é posible neses concellos, en Ribadeo tamén”.

Entre as medidas propostas atopábase tamén un plan urxente de pago a provedores que ten como obxectivo “pagar as facturas en tempo e forma”. Ademais, insiste en que “se noutras administracións é posible pagar as facturas en menos de 12 días, en Ribadeo tamén é posible”.

En materia de política fiscal, o popular defende “a supresión temporal dos impostos e taxas que recada o Concello coma a da auga, ou a de ocupación de vía pública que lle afecta ás terrazas, aos postos do mercado dos mércores ou do mercados da fin de semana no entorno da praza”. Vega engade a estas medidas a eliminación do impostos de bens inmobles (IBI) e da taxa pola recollida do lixo. Ao respecto deste último asunto, o voceiro do PP ribadense amosa a súa sorpresa porque “o goberno local non só votou en contra de eliminala ou reducila; senón que a subirá nun 2,13%”.

Así mesmo, entre as medidas estratéxicas para reactivar a economía local, atópase a eliminación da taxa de alugueiro dos locais da Praza de Abastos e a implantación de “axudas ás familias” porque “é o momento das persoas”.

Daniel Vega explicou durante a sesión plenaria que “o orzamento para levar a cabo estas propostas pódese obter do Fondo de Cooperación Local que a Xunta incrementou neste exercicio un 6,6%, do Plan Único ou, incluso, de recursos propios procedentes da devolución de impostos municipais e das partidas non empregadas coma as destinadas ás festas e actividades culturais e deportivas que non se levaron a cabo, entre outros fondos. Hai un orzamento de 1 millón de euros; pero, coma sempre, o goberno local, votou non”.

Favorecer o asentamento de empresas no polígono
Tamén de cara á reactivación de Ribadeo, os populares defenderon no pleno outra iniciativa coa que pedían “dirixirse a Sepes (Entidade Estatal del Suelo), dependente do Goberno do Estado, para rebaixar o prezo do solo das parcelas do polígono de Ribadeo e favorecer, así, a instalación de empresas no noso municipio. É importantísimo contar con máis industria en Ribadeo”, asegura. Pero, segundo sinala, os actuais prezos “son prohibitivos” e que, polo tanto, “ninguén pode instalar unha empresa a ese prezo”.

Arranxar a estrada do faro
Outra das iniciativas do Grupo Municipal Popular tiña como obxectivo demandar o arranxo da estrada do faro. “Sorprendentemente o goberno local dixo que non tiña nada que ver con esa estrada e votou que non ao seu arranxo”, di Vega que explica que “se trata dunha vía moi transitada tanto polos veciños coma visitantes; xa que é un punto clave para o turismo en Ribadeo”.

Exit mobile version