O alcalde burelés manifestou que “estamos agora comprobando como en xeral en moitos puntos da Mariña están aparecendo novos casos de contaxios de coronavirus, tamén en Burela. Teño que dicir que en Burela, aínda que é certo que van incrementándose, tamén hai casos que, unha vez transcorrida a corentena e visto que xa non teñen síntomas, se van incorporando á vida normal. Polo tanto estamos nunha especie de equilibrio, aínda que aparentemente a tendencia sexa de aumentar. Estamos en fase roxa, pero hai que dicir que son derivados de casos que teñen algunha correspondencia con outros que aínda que están fora, son xente que vive en Burela pero que traballan noutros lugares”.
O rexedor dixo que “o preocupante é que en Burela, e na Mariña en xeral, hai que parar esta cadea de contaxios. Imos procurar entre todos poñer o que estea na nosa man todo o que corresponda. Digo con todo orgullo tamén que Burela foi un exemplo claro de comportamento cando foi o rebrote do mes de xullo e agora mesmo tamén fago esa chamada de seguir responsabilizándonos e de coidarnos uns a outros e procurando que non se expanda e favorecer, unha vez que se detecte ou se saiba que hai alguén que ten o coronavirus, que se faga o protocolo avisando urxentemente, illándose e procurando colaborar en todos os aspectos. Penso que vai ser así. A ver se entre todos, e o antes posible, imos rematando coa cadea de contaxios e volvemos recuperar a vida normal”.
Alfredo Llano sinalou que “é certo que nos colexios apareceu algún caso que xa está illado, xa está controlado e na fase de curar. En xeral avanzamos bastante ben no plano educativo. Iso tamén é boa cousa porque hai que procurar que esta actividade estea estabilizada e se faga dunha maneira continua e diaria. Derivado desa normalidade que hai nos centros educativos tamén é bo que o haxa en todas as actividades do pobo, iso é o que temos que procurar, un equilibrio total. Agora imos observar que é o que ocorre estes días e se hai que tomar algunha medida, pechar algún parque, algunha praza ou facer algo que contribúa a que se corte a cadea de contaxios tamén o faríamos. Pero en principio estamos agardando a ver que sucede”.
O alcalde de Burela quixo “recoñecer o traballo que se está levando a cabo desde o hospital, que está colaborando ben e estamos tomando medidas conxuntas. Ademais desde o Concello, xa o fixemos a outra vez e volvemos facelo agora, estamos atendendo a persoas que están illadas polo contaxio levándolles menciñas, comida ou recollendo o lixo para que non salgan das súas casas. Penso que a colaboración é fundamental e o entendemento que estamos tendo coas autoridades sanitarias, sobre todo coa directora do hospital, tamén é moi positivo e creo que está dando os seus froitos. Imos colaborar entre todos, participar e ter en conta que nos xogamos moito, se colaboramos todo ten o seu remedio, como xa se ten visto no mes de xullo. Seguiremos así e imos observar que ocorre estes días e ver como evoluciona, para tratar de frear a cadea de contaxios”.
En estudo
Alfredo Llano lembrou que o vindeiro 17 de novembro remata o prazo de exposición pública do inventario municipal de bens: “sabemos que hai colectivos que piden que se amplíe un pouco ese prazo. Os servizos técnicos municipais están a estudar o caso, que tería que ir a pleno si finalmente é posible esa prórroga”.