Burela, 25 de novembro de 2020. A praza do Concello acolleu os actos de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Alí desenvolveuse unha concentración e deuse lectura a un manifesto.
A concelleira de Muller e Igualdade, Noelia Mª Ben, na súa intervención fixo fincapé en que “ademais da campaña En Negro, durante este mes de novembro realizáronse diferentes actos de visibilización das violencias a través das campañas da Xunta de Galicia, co stand Agresión off: eu digo non á violencia sexual, da Fegamp, como parte da rede de Concellos polo bo trato e do programa propio do Concello de Burela, BUFANDO (Burela Actúa Fronte á Violencia de Xénero), financiada con fondos do pacto de Estado contra a violencia”.
E engadiu que “dentro de todas as actuacións realizadas neste eido, cabe destacar neste ano 2020 que o Concello de Burela aprobou por unanimidade V Plan de Acción Municipal para a Igualdade entre Mulleres e Homes como un instrumento esencial para seguir avanzando na igualdade de xénero en todos os ámbitos. Trátase dun plan de toda e para toda a cidadanía de Burela, que de maneira transversal e integral pretende seguir derrubando as barreiras que hoxe en día continúan impedindo a plena igualdade e as súas distintas manifestacións. Só coa implicación do conxunto de toda a sociedade poderemos continuar o noso traballo, para que Burela sexa un lugar más amable para vivir, todos e todas, en igualdade”.
Nos actos que tiveron lugar esta mañá participaron ademais da concelleira de Muller e Igualdade e do alcalde, Alfredo Llano, outros membros do equipo de goberno, así como veciños e veciñas a título particular.
A programación organizada pola Concellería de Muller e Igualdade seguirá esta semana. Os días 26 e 27, xoves e venres, no Salón de Conferencias do Concello de 9:30 a 13:30 horas celebraranse as xornadas sobre Competencias dixitais para o emprego e o emprendemento, dirixidas a mulleres e impartidas pola Fundación Mujeres. Ademais o día 26 ás 12:30 horas no Salón de Conferencias terá lugar a xornada titulada Prevención do Acoso na Rúa, dirixida a toda a poboación e impartida por Fundación Mujeres.
Durante toda a semana a fachada do Concello está iluminada de morado e tamén se colgou da fachada unha pancarta conmemorativa.