O alcalde dixo: “teño que agradecer á veciñanza de Burela no seu conxunto o bo comportamento que está a ter e loxicamente isto está traendo consecuencias positivas. Aí están xa estes novos datos, que recuperamos unha fase menor, estamos no nivel laranxa e iso é moi importante”.
Alfredo Llano asegurou que “se isto segue así, imos agardar ata final de semana, solicitarei que se volva ao estado onde estabamos antes, que se manteña por exemplo o toque de queda pero recuperar un pouco a actividade socioeconómica, cultural e deportiva. Penso que se segue a situación así, que vemos que a corresponsabilidade está funcionando, estamos todos por evitar que se produzan os contaxios e temos todo o mundo o coidado cos protocolos que agora mesmo todos saben de memoria, creo que imos ben”.
O rexedor manifestou que “se isto segue así, xa digo que a finais de semana imos ver que é o que ocorre, solicitaríamos que se volva á normalidade, que siga o toque de queda e que se peche ás once, pero que se volva ir recuperando á actividade socioeconómica. Igual que a hostalería e a restauración tamén temos que recuperar a actividade deportiva, cultural e todo aquilo que serva para mover e normalizar a seguridade sanitaria, pero tamén combinada e ben equilibrada para atender as necesidades socioeconómicas que hai no concello. A apertura perimetral tamén sería unha boa nova para poder desprazarnos e que outros se despracen ao noso concello”.
O alcalde burelés engadiu: “animo á xente a seguir comportándose desta maneira modélica. Penso que este é un obxectivo común, polo tanto imos intentalo entre todos porque desa forma tamén nos imos beneficiar todos. Así que ánimo Burela, ánimo á Mariña, para ir saíndo disto o antes posible”.