Apoio ás persoas afectadas e as súas familias
Os concelleiros do Grupo Municipal do BNG en Cervo “lamentaron profundamente o falecemento de xa tres persoas internas do Centro de Dia-Residencia de San Cibrao(CDR) afectadas por Coronavirus, e entenden a preocupación das familias das outras 37 que hoxe están diagnosticadas como positivas, así como as 14 traballadoras tamén infectadas, a todas elas, ás súas familias, así como ao todo o persoal traballador, trasladamos o noso apoio e ánimo agardando a pronta recuperación da normalidade.”
Mantivemos un escrupuloso silencio que non pode ocultar a realidade
Diante da grave situación pola que pasa o centro de titularidade municipal, xestionado en concesión pola empresa Mensajeros de la Paz, os representantes nacionalistas expuxeron que “desde o día 29 de outubro no que se fixeron públicos os primeiros cinco casos, no BNG mantivemos un escrupuloso silencio para non entorpecer con declaracións unha situación xa de por si complicada”, afirmaron. Hoxe, 7 de novembro, 10 días despois, “podemos ver como tres familias lamentan o falecemento dos seus seres queridos, contabilízanse 37 persoas usuarias do centro diagnosticadas como positivas (un 75% das 53 prazas internas), ás que se suman outras 14 de persoal traballador de baixa por dar positivo en Covid19(un 60% do cadro de persoal). Esta situación está a provocar graves problemas operativos a aquelas operarias que seguen en activo, así como dificultades para cubrir as baixas nun contexto no que amais da inxente carga de traballo hai que engadir o estrés, e mesmo o medo a traballar co centro de traballo baixo estas circunstancias.”
Intervención publica do centro para evitar o seu colapso e frear o avance do virus
Desde o BNG, despois de analizada a situación, coñecendo os datos publicados, así como outros recibidos por outros medios, e queixas de familiares de persoas usuarias do centro, “reclamamos ao goberno municipal de Cervo e á Xunta de Galiza a urxente intervención pública do centro para intentar evitar o seu colapso, reverter a escalada do virus e garantir os mellores coidados as persoas residentes, así como condicións laborais salubres ás traballadoras”.
Para a formación nacionalista “a xestión de Mensajeros de la Paz demostrou neglixencia para evitar a propagación do virus entre persoas usuarias e traballadoras, ineptitude e ausencia de empatía na relación coas familias das persoas internas que en moitos casos coñeceron pola prensa a situación do centro entre os días 29 e 30 de outubro, e incapacidade para garantir o traballo seguro do seu persoal laboral, evitar o seu contaxio, e manter o número suficiente para asumir a elevadísima carga de traballo existente na actualidade”.
Futura esixencia de explicacións e responsabilidades
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro concluíron que “este é o momento de actuar para evitar mais contaxios e falecementos, mais avanzaron que unha vez superados os problemas, esixiran explicacións e se fora o caso responsabilidades”. Lembraron que o Concello de Cervo é titular das instalacións, por tanto o goberno municipal ten obriga de velar polo seu bo funcionamento e os mellores coidados para as persoas usuarias, algo que a noso xuízo non sucede. Segundo o criterio do BNG, tal como vén denunciando hai máis dun ano, a xestión de Mensajeros de la Paz deixa moito que desexar fai moito tempo, e a pesar disto o goberno municipal renovou a concesión no pasado mes de xullo, remataron.