Durante o acto, Ermida presentou “O Camiño da igualdade”, unha iniciativa que o Concello de Barreiros pon en marcha tratando de conxugar deporte, valores de igualdade e respecto e loita contra a violencia de xénero.
Trátase de unha actividade aberta e para perdurar no tempo. A veciñanza pódea facer de maneira individual ou en familia, nun día ou en varios. A concelleira de igualdade explica que “Marcamos 20 puntos para percorrer Barreiros, en cada punto atoparán un mapa con un valor e o seu significado, este valor enlaza coa seguinte estación e así sucesivamente ata chegar a Casa da Igualdade”.
“Esta novidosa iniciativa fai protagonista as veciñas e veciños que sumarán emocións e valores que poderán inculcar as súas crianzas para avanzar nunha educación baseada no respecto, na tolerancia e no rexeitamento a calquera tipo de violencia” apunta Montse Porteiro.
O inicio do Camiño da igualdade atópase no parque situado na Praia da Anguieira e remata na Casa da Igualdade pasando por diferentes puntos do concello barreirense.
Outra das iniciativas é que, por segundo ano consecutivo, Barreiros sumouse a campaña “En Negro Contra as Violencias”. Unha campaña que implica a múltiples administracións, colectivos e empresas.
Enlazando con estas campañas, o Concello de Barreiros está a publicar un álbum nas redes sociais con fotos de persoas e establecementos que colaboran coa campaña #BarreirosEnNegro.
Desde as oficinas municipais facilitan materiais e carteleira para sacar as fotografías.