Site icon Crónica3.com A Mariña

As persoas traballadoras autónomas do Concello de Cervo poderán solicitar as axudas municipais para a reactivación económica e social ata o 14 de decembro incluído

 Cervo, 19 de novembro de 2020. O BOP (Bolentín Oficial da Provincia) publicará mañá as bases das axudas para a reactivación económica e social que o Concello de Cervo, a través da delegación de Facenda, deseñou co obxectivo de “botar unha man a todas as persoas traballadoras autónomas do municipio sen excepción, tanto se se viron obrigados ao peche pola crise sanitaria como se puideron seguir abertos e/ou producindo pola natureza da actividade que desenvolven”; incluíndo aos sectores agrario e pesqueiro.
Tal e como explican o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, durante este tempo estivemos perfilando con detalle esta liña de axudas á que se poderán adherir ata o día 14 de decembro incluído “porque non queriamos deixar fóra a ninguén, conscientes dos momentos tan delicados que están a padecer as persoas emprendedoras de Cervo polas consecuencias desta pandemia que golpeou e golpea a moitos sectores”.
Reserváronse 90.000 euros do orzamento municipal e cada persoa autónoma recibirá un mínimo de 100 euros e un máximo de 850, en función de factores como a posesión ou non de establecemento físico para o exercicio da súa actividade ou o número de empregados/as; unha axuda que tamén pretende ser un estímulo para incentivar a actividade no municipio.
O plan suporá un incentivo de 100 euros para todas as persoas emprendedoras con ou sen local, unha contía á que sumará 200 euros se dispón de local; e 200 euros máis se ten entre 2 e 5 traballadores; ou ben 550 euros se emprega a máis de 5 persoas; o que sumaría a contía máxima de 850 euros a recibir.
O período subvencionable á hora de xustificar a axuda abrangue desde o 15 de marzo ata o 15 de novembro.
Desde o Concello volven resaltar a importancia de consumir nos establecementos das nosas vilas, máxime “nestes intres nos que a empatía e a solidariedade son fundamentais para saír adiante”.
Esta axuda vén sumarse a outras medidas que nesta liña se tomaron desde o Concello de Cervo para tentar contribuír a paliar os efectos do coronavirus entre os pequenos empresarios do municipio así; “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche; tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e modificouse a ordenanza para eliminar a taxa de terraza desde o 15 de marzo e durante todo este ano”.

Exit mobile version