As bases que xa se poden consultar na web municipal, serán publicadas no Bolentín Oficial da Provincia (BOP) nos vindeiros días.
Reserváronse 90.000 euros do orzamento municipal –explican- “para tentar botar unha man a todas esas persoas emprendedoras de Cervo que certamente están a sufrir con virulencia as consecuencias da pandemia”. Cada persoa autónoma –precisan- “recibirá un mínimo de 100 euros e un máximo de 850”, en función de factores como a posesión ou non de establecemento físico para o exercicio da súa actividade ou o número de empregados/as; unha axuda que tamén pretende ser un estímulo para incentivar a actividade no municipio.
O plan, que xa leva meses xestándose e perfilándose con detalle para poder chegar a todas as persoas autónomas, suporá un incentivo de 100 euros para todos/as os/as emprendedores/as con ou sen local, unha contía á que sumará 200 euros se dispón de local; e 200 euros máis se ten entre 2 e 5 traballadores; ou ben 500 euros se emprega a máis de 5 persoas; o que sumaría a contía máxima de 850 euros a recibir.
Desde o Concello apuntan que nestes momentos a solidariedade cidadá en todos os aspectos é fundamental para poder superar esta situación canto antes e recordan a necesidade imperiosa de consumir o máximo posible nos establecementos das nosas vilas; “entre todos temos que botarnos unha man”.
Esta axuda vén sumarse a outras medidas que nesta liña se tomaron desde o Concello de Cervo para tentar contribuír a paliar os efectos do coronavirus entre os pequenos empresarios do municipio así; “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche; tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e modificouse a ordenanza para eliminar a taxa de terraza desde o 15 de marzo e durante todo este ano”.