O alcalde manifestou: “estamos satisfeitos de ver como a rúa da Lodeira, esta rúa que é urbana a todos os efectos, pero de titularidade da Deputación Provincial de Lugo, por fin vai ser amañada. Estas importantes obras de mellora queren dar resposta á necesidade na que se atopaba este vial que estaba bastante degradado, e que por fin conseguimos o compromiso da Deputación de Lugo para que licitase e para que executase a dotación dun novo pavimento de aglomerado asfáltico, desde o encontro da avenida Rosalía de Castro ata o encontro co vial de servizo da autovía A-8, é dicir, practicamente 400 metros de lonxitude, onde ademais de aglomerado se vai contemplar tamén o pintado e sinalización, así como a mellora dalgún tramo de beirarrúa”.
O rexedor explicou que “é unha inversión de practicamente 48.000 euros de orzamento e financiada esta obra integramente pola Deputación de Lugo, xa que é un vial da súa titularidade. Foi adxudicada á empresa Construcciones Isidro Otero, tendo un prazo de execución máximo de dous meses. As obras empezarán ben a final desta semana ou, como moi tarde, a principios da que ven. Queremos comunicarllo a toda a cidadanía, especialmente aos negocios e ás persoas que viven nese entorno, para que teñan en conta que nos próximos tempos vai haber, se cadra, algúns ruídos e algunhas molestias, pero todas elas necesarias, para que este vial moi deteriorado nestes últimos anos, cobre de novo o esplendor, a seguridade e a accesibilidade que se lle supón que ten que ter”.
Fernando Suárez quixo “valorar o compromiso e a palabra dada polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para con esta mellora necesaria neste vial, que é de titularidade provincial, que estaba esquecido desde hai moitísimos anos, e que nestes acordos de colaboración foi posto enriba da mesa en tempo e estase cumprindo a palabra”.