O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira das liñas de apoios do Plan de rescate para as persoas traballadoras autónomas e microempresas, axudas de concorrencia non competitiva que se atenderán por orde de entrada, dende o momento en que o solicitante achegue a documentación completa. Os beneficiarios recibirán nun pagamento único un apoio de 1.200 euros, que pode incrementarse ata os 2.000 euros nos sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas.
Son principalmente as relacionadas co ocio nocturno; actividades que se desenvolvan en atraccións de feiras, sen un establecemento aberto ao público, e que pertenzan ás CNAES que se detallan no DOG; taxistas; transporte marítimo de pasaxeiros; transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores; provisión de comidas preparadas para eventos; actividades de exhibición cinematográfica; axencias de viaxes; operadores turísticos; outros servizos de reservas e actividades relacionadas cos mesmos; organización de convencións e feiras de mostras; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; xestión de salas de espectáculos; actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos; e outras actividades recreativas e de entretemento.
Así mesmo, o próximo venres está previsto convocar a nova liña dotada con 10 millóns de euros para facilitar préstamos directos aos autónomos, microempresas e pemes que teñen máis problemas de liquidez e máis dificultades no acceso ao crédito privado durante a covid-19.
Arias avanzou a súa intención de continuar mantendo xuntanzas con representantes dos distintos sectores económicos da provincia, nas que dar conta dos programas que convoca o Goberno galego para axudar ao tecido produtivo a superar a situación derivada da pandemia.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA DELEGACIÓN TERRITORIAL