Ribadeo, 12 de novembro de 2020. APAGA recibirá a próxima semana a visita de dous profesores croatas que farán un percorrido por diferentes centros de ensino da Mariña e de Ferrolterra e por empresas de automoción da comarca. A estancia dos docentes prolongarase do 16 ao 21 de novembro.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, anunciou que “dentro do plan que temos previsto na nosa organización de acollida de profesores e alumnos doutros países da Unión Europea, a próxima semana nos van visitar dous profesores da Escola Politécnica de Zagreb, en Croacia, e van estar con nós desde o luns ata o sábado, realizando unha serie de visitas tanto a empresas como a institucións educativas”.
Doural explicou que “van visitar o CIFP Porta da Auga de Ribadeo, o Ferrolterra en Ferrol e empresas da zona ás que nosoutros levamos a Aos profesores que veñen como é o caso de Recense ou Hermanos Rega, ademais da parte turística e lúdica de visita que realizarán a Mondoñedo, Lourenzá ou Ribadeo, entre outras localizacións”.
O presidente de Asociación de Profesores de Automoción de Galicia dixo que “é algo importante dentro do que nós estamos facendo, nos últimos anos, que é acoller á xente que ven doutros países. Penso que se lle dá visibilidade á Mariña, a Ribadeo, a Mondoñedo e a todos os pobos que temos na contorna. Outra cousa é que ao mellor todo isto que se está facendo non se valore polas institucións da zona, pero nós seguimos traballando nese campo, xa digo que creo que é importante para a comarca e para a nosa institución”.
Por outra banda, os días 14 e 15 de novembro terá lugar en Ribadeo unha nova fin de semana tecnolóxica, que estará centrada nos sistemas auxiliares do motor.
Curso online sobre vehículos eléctricos.
APAGA está organizando un curso online sobre vehículos eléctricos cuxa participación está aberta a todo o territorio estatal. O seu presidente indicou que “estamos neste momento cun proxecto para dar a coñecer a nosa entidade a nivel do territorio nacional cunha actividade formativa online, que xa fixemos fai uns meses pero que agora imos repetir para toda a xente do territorio nacional que estea disposta a facela, que é un curso de vehículos eléctricos”.
Álvaro Doural engadiu que “se enviaron correos electrónicos a todo o profesorado que está exercendo a docencia en todos os institutos de España. Levamos dous días traballando neste tema e estamos recibindo cantidade de correos electrónicos de xente non tan só interesándose polo curso senón tamén pola nosa asociación, co obxectivo de facerse socios, de aportar nalgúns casos xente que está facendo proxectos, o que se di compartir o coñecemento que eu creo que é importante. Contactou con nós xente de sitios tan dispares como poden ser Málaga, Cataluña, Valencia ou Madrid. É algo novo, proposto por un socio noso que é o secretario da organización, Juan José Martínez Fernández, que é de Murcia. El foi creando unha base de datos moi valiosa onde ten incorporado todos os profesores, ou case a maioría, que neste momento exercen docencia na nosa especialidade, a familia profesional de mantemento e de transporte de vehículos”.