O presidente de Apaga, Álvaro Doural, declarou que “imos continuar coas fins de semana tecnolóxicas, que están tendo unha boa acollida entre o profesorado e técnicos de empresa. Imos seguir co ciclo, que rematará agora en novembro, sobre os sistemas auxiliares do motor. Entón quedan dúas fins de semana os días 14 e 15 e 28 e 29. En decembro volveremos con outro desde a nosa sede en Coruña, faremos outros cursos sempre e cando a situación o permita, que é moi complexa en todas as actividades que estamos facendo”.
Doural anunciou que “imos iniciar dous novos proxectos, creo que sumamente ambiciosos e interesantes para a zona. Será con recursos propios, porque non sei se algunha administración se vai unir a estas accións ou non, pero nós estamos abertos a permitir a colaboración tanto de entidades privadas como públicas, sempre dentro da filosofía nosa da formación e que somos unha asociación sen ánimo de lucro, penso que a zona necesita neste momento un impulso importante no que é a formación. Imos iniciar un proxecto, no que o ano pasado estivemos traballando, pero que ao final quedou aí, que é a doazón do coñecemento, é dicir, que imos aproveitar aquela xente que está xubilada, algúns colaboradores nosos e que xa falamos con eles, e que poidan dar formación. Todo ese coñecemento que eles foron recollendo durante a súa vida profesional, o poidan transmitir a outra xente que neste momento non ten unha formación. Desgraciadamente moitas veces a xente empeza a traballar en determinadas empresas, despois queda no paro e non ten unha formación para poder volver adquirir un novo traballo. Este vai ser un dos nosos proxectos estrela no 2021”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia engadiu que “tamén imos iniciar un proxecto de formación para aqueles rapaces que por diferentes circunstancias da vida teñen problemas, é un proxecto de inclusión para aqueles rapaces que teñen problemas xeográficos ou a nivel educativo. Vaise dar formación a esas persoas en determinadas profesións, vanse facer unhas entrevistas e especialmente imos ter un contacto moi directo cos sistemas produtivos porque pode formarse á xente segundo as necesidades que haxa”.
Álvaro Doural subliñou que “imos dar un apoio moi claro nestes dous proxectos con recursos propios, neste momento. Tamén estamos abertos a que administracións públicas ou privadas, que queiran apoiar esta iniciativa, se poidan incorporar a estes dous proxectos que cremos que realmente van dar resposta ás necesidades que ten a sociedade da Mariña. Vai haber información tanto nos medios como na nosa páxina web, www.apaga.es, e no noso correo electrónico, que é a maneira máis rápida de contactar con nós, que é apagaribadeo@gmail.com. Toda a xente que estea interesada ou teña aos seus fillos sen traballar nin estudar que se poñan en contacto con nós e intentaremos darlles resposta, creo que é bo para as familias e é bo para a sociedade. Fálase moito de inclusión, pero se fai moi pouco por ese tipo de xente que creo que ten unhas cualidades e unhas capacidades e o único que hai que facer é axudarlles a desenvolvelas”.