Lugo, 3 de novembro de 2020. A Consellería do Medio Rural vén de aboar preto de 19 millóns de euros (18.965.724 euros) de anticipos de axudas da Política Agraria Común (PAC) na provincia de Lugo, correspondentes á campaña 2020-2021. En total, benefician a 7.902 gandeiros lucenses.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) efectuou os pagamentos a semana pasada, tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. En concreto, aboáronse dúas liñas de achegas directas da PAC, as de vacas nutrices e as de vacún de leite, co obxecto de dar liquidez ás explotacións gandeiras.
En canto ao reparto por comarcas dos anticipos que acaban de transferirse, a Terra Chá rexistra o maior volume (5,2 M€ para 1.888 gandeiros); seguida da comarca de Lugo (3,4 M€ e 1.399 beneficiarios); a comarca de Sarria (2,9 M€ e 1.247 beneficiarios); a Zona Sur (comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga, con 2,4 M€ e 962 beneficiarios); A Montaña (1,5 M€ e 1012 beneficiarios); A Mariña (1,5 M€ e 772 beneficiarios); A Ulloa (976.803 euros e 383 beneficiarios) e a comarca de Meira (843.943 euros e 239 beneficiarios).
A Xunta prevé realizar un novo pago no mes de decembro, de forma que no ano 2020 en Galicia se alcance o obxectivo de importes superiores a 140 millóns, beneficiando así a máis de 26.000 solicitantes.
Cómpre salientar que estas achegas son de gran interese para o sector primario, xa que conseguen reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que potencian aos agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.