Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta conclúe o trámite ambiental dos plans básicos municipais de 5 concellos galegos, entre eles Trabada

 Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2020. A Xunta de Galicia acaba de emitir os informes ambientais estratéxicos correspondentes aos plans básicos municipais (PBM) dos concellos de Porqueira, Cartelle, Padrenda e San Xoán de Río –os catro da provincia de Ourense- e de Trabada –en Lugo-. Deste xeito, dáse por concluída a tramitación desde o punto de vista medioambiental e pode seguir avanzándose cara á súa aprobación definitiva.

Cómpre lembrar que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo enviou a documentación relativa aos PBM destes cinco municipios o pasado 9 de xullo, momento no que se deu por iniciado o trámite ambiental.

Tras sometelos ao trámite de consultas previas –que finalizou o 25 de setembro- e tendo en conta os informes recibidos e a análise da documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) considera que non provocan efectos ambientais significativos, xa que concretan ordenanzas, non proxectan novos desenvolvementos residenciais nin industriais, e tampouco recollen novas infraestruturas.

Por este motivo, o departamento autonómico conclúe que estes plans básicos municipais non van producir efectos ambientais significativos, polo que non se someten ao procedemento ordinario. De feito, a DXCASCC acaba de emitir os informes ambientais estratéxicos correspondentes, finalizando con eles o trámite ambiental.

As indicacións recollidas nestes informes serán tidas en conta polo equipo redactor para preparar os documentos que se someterán a Aprobación Inicial (AI), un trámite que previsiblemente se producirá a principios do vindeiro ano.

O Plan Básico Municipal é unha ferramenta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral, co obxectivo de dotalos dun instrumento urbanístico básico que lles permita ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Neste sentido, os plans básicos municipais dotarán a estes concellos dunha ordenación básica, que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Cómpre lembrar que a Xunta asumiu directamente a redacción do primeiro Plan Básico Municipal, o do Concello do Páramo, que, de feito, se utilizou como guía e orientación na elaboración dos outros oito plans básicos municipais actualmente en tramitación.

O traballo para sacar adiante os primeiros PBM enmárcase na aposta do Goberno galego desde hai unha década por dotar a Galicia dun novo e moderno marco normativo en materia de urbanismo; cun obxectivo moi claro: ningún concello sen PXOM. Hoxe xa son 110 os concellos que contan con plan xeral adaptado e acorde á normativa vixente e, ao longo dos últimos anos, tamén cómpre subliñar fitos como a aprobación de figuras como as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral, a Estratexia da Paisaxe Galega, o Plan Básico Autonómico ou as máis recentes Normas Técnicas de Planeamento.

Exit mobile version