Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2020.- A Xunta aprobou a maior orde de axudas a entidades de inclusión social da historia que destinará 1,9 millóns de euros a 13 organización da provincia de Lugo. Destinaranse a financiar gastos de funcionamento de centros de inclusión social, así como o desenvolvemento de actividades nos vindeiros dous anos dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión entre 2020 e 2022.
Este orzamento supón un incremento do 26% con respecto á última convocatoria, a de 2018-2020. No conxunto da comunidade destínanse 17,8 millóns de euros que se repartirán en 128 organizacións. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A última convocatoria desta liña de subvencións financiou 846 proxectos, e estímase que neste exercicio poidan facerse realidade arredor de 964 propostas.
A través desta orde as entidades poderán cubrir gastos de funcionamento dos centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á integración sociolaboral; iniciativas de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.
O reforzo desta liña de axudas contribuirá e axudará tamén a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.