A nova liña de financiamento achegará créditos de entre 3000 e 500.000 euros por negocio, con xuros baixos e próximos ao 0% aos autónomos e as empresas que se dedican a ocupacións como a economía social; o ocio nocturno e a hostalería; a industria cultural e de lecer; as que realizan a súa actividade principalmente no verán, como as orquestras; e as que non teñen un emprazamento único, como os feirantes, entre outros. Disporán dun prazo para a devolución de ata sete anos, nos que están incluídos tres de carencia.
Na súa intervención na xornada organizada coa Federación Galega de Comercio, Conde sinalou que o sector ten que seguir apostando pola súa dixitalización, consolidando as vendas e o posicionamento on line. Neste ámbito, desde o Goberno galego lévanse activado medidas por máis de 31 millóns de euros desde o inicio da pandemia, con programas específicos para o sector centrados na innovación e o e-commerce; e outras iniciativas como o cheque de dixitalización ou o programa Galicia Exporta Dixital, ao que por primeira vez se puideron sumar os comerciantes.
O webinario celebrado hoxe abre o ciclo Ser dixital para vender máis, que inclúe tamén oito talleres complementarios impartidos por expertos en dixitalización. A iniciativa permitirá aos participantes afondar no manexo de determinadas redes sociais para a venda por internet, e dar a coñecer casos de éxito que se poidan aplicar a calquera negocio do comercio galego.