Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 130.000 euros ás confrarías de pescadores de Celeiro, Burela e O Vicedo para modernizar o seu equipamento

 Lugo, 18 de novembro de 2020. A Consellería do Mar aprobou axudas que suman 131.000 euros para as confrarías de pescadores de Celeiro, Burela e O Vicedo dentro da liña de financiamento para modernizar portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que os proxectos seleccionados no marco da orde que vén de resolverse desenvolveranse no marco da convocatoria de achegas do ano 2020, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

En canto ás accións que se levarán a cabo na provincia de Lugo, destaca a concesión de 70.745 euros para modernizar a fábrica de xeo da confraría de pescadores de Burela mediante a instalación de dous xeradores de xeo en escama con capacidade para producir cinco toneladas ao día por unidade.

Pola súa banda, a confraría de Celeiro destina 42.530 euros a adquirir un guindastre para facilitar as descargas dos produtos de pesca; e recibe outros 15.700 euros co fin de comprar maquinaria de hidrolimpeza. Por último, a confraría do Vicedo obtén unha axuda de 2.135 euros para dotarse dunha hidrolavadora para facilitar as tarefas de limpeza da zona de desembarque.

Arias destacou que as actuacións financiadas na provincia de Lugo con cargo a estas achegas serven para mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos pescadores e contribúen a aumentar a competitividade do sector. Ao mesmo tempo favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia.

Exit mobile version