Villares quixo agradecerlle á Administración autonómica “a súa resposta inmediata ás demandas municipais”, priorizando esta actuación en Cervo entre máis de 1000 centros de ensinanza de toda a comunidade; “xa que o noso CEIP foi un dos 22 colexios rehabilitados pola Xunta ao amparo dos fondos de superávit, por un importe total de 21,4 millóns de euros”; polo tanto –engadiu o rexedor- “non podemos máis que reiterar o noso agradecemento e considerarnos uns privilexiados” por poder contar hoxe, grazas a esa gran mobilización de cartos públicos, “cun centro moderno e completamente renovado”, o que garante tamén a continuidade no futuro deste colexio, cuxa inauguración data do ano 1983.
A obra de renovación integral supuxo actuacións na carpintería exterior e interior (fiestras, portas, persianas), mellorouse o illamento das fachadas e executáronse traballos de albanelería; substituíronse as luminarias existentes por outras de baixo consumo e tecnoloxía LED. Ademais, realizáronse traballos xerais de acondicionamento interior (falsos teitos, reparación de tabiques, pintado de aulas, novo sistema eléctrico). O proxecto tamén contemplou a instalación dun ascensor (ata o de agora non había) co que se incidiu na mellora da accesibilidade, e reformas na instalación de climatización e a renovación dos aseos (pavimento antiescorregadizo con baldosa porcelánica, billas e aparatos); entre outras actuacións.