A rexedora municipal anunciou que “un ano máis o Concello de Lourenzá súmase a campaña En Negro Contra as Violencias. O mércores 25 de novembro terá lugar na Praza do Conde Santo a lectura dun manifesto e repartirase material entre os asistentes. Así mesmo ó longo de toda a semana a pancarta En Negro pendurará no balcón da casa consistorial e os Cocos de Lourenzá volverán vestir un ano máis de negro, para dar visibilidade a esta loita contra a violencia machista”.
Rocío López explicou que “neste ano as circunstancias marcadas polo Covid fai complicada a programación de actividades presenciais polo que dende o Concello invitamos a todos os axentes sociais (comercio, hostalería…) e a toda a veciñanza en xeral a participar nesta campaña a través das redes sociais, tinguindo o noso concello de Negro. Poden descargar todo o material na web ennegrocontraasviolencias.gal ou ben chamando ao teléfono dos Servizos Sociais: 982.121.036. Os hashtag serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa. A maiores de todo isto na páxina do Concello presentarase a foto e o vídeo do acto do 2019 contra a violencia de xénero da escola de patinaxe ED Lourenzá. Tamén a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade vanse repartir máscaras para sensibilizar a poboación contra a violencia cara ás mulleres”.
A concelleira Mercedes Dengra destaca “a importancia de visibilizar este problema que segue tan presente na nosa sociedade, e se cabe máis aínda agora, debido a que as medidas adoptadas na loita contra a pandemia do Covid 19 fixeron empeorar as circunstancias das mulleres vítimas de violencia de xénero”.