Site icon Crónica3.com A Mariña

A Policía Local de Viveiro realizou 14 controis perimetrais na fin de semana e destaca o cumprimento das medidas por parte da hostalaría

 Viveiro, 9 de novembro de 2020. O Concello de Viveiro informa de que, no transcurso da pasada fin de semana, a Policía Local realizou un total de 14 controis perimetrais nas vías de acceso ó municipio, co obxectivo de asegurar o cumprimento das medidas acordadas pola Xunta de Galicia no Decreto 179/2020, do 4 de novembro.
Durante os controis perimetrais, resultaron identificadas 109 personas, sendo propostas para sanción aquelas que non xustificaran ningún dos supostos establecidos como excepcións no decreto da administración autonómica.
No que respecta ós establecementos de hostalaría e restauración, a Policía Local destaca que se cumpriron coas obrigas, non sendo necesario advertir a ningún hostaleiro polo incumprimento das normas.
Á marxe das actuacións de vixilancia das medidas do COVID-19, a Policía Local conseguiu localizar un vehículo que, tras ocasionar danos noutro coche estacionado, abandonara o lugar. Os axentes puideron comprobar que o vehículo implicado non contaba co seguro obrigatorio, polo que procederon a efectuar as correspondentes denuncias.
Ademais, abríronse dilixencias de prevención por un accidente de circulación ocurrido en torno ás 16:00 horas do sábado, nas inmediacións do lugar de Magazos, entre un ciclomotor e un turismo. No accidente, resultou ferido de carácter leve o condutor do ciclomotor, sen que precisase ingreso hospitalario.

Exit mobile version