Site icon Crónica3.com A Mariña

A Oficina Técnica da Seca desactiva o estado de prealerta nas comarcas de Ortegal e da Mariña ao consolidarse os niveis de ocupación dos ríos e dos encoros

 Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se decidiu desactivar o estado de prealerta nas comarcas de Ortegal e da Mariña, ao consolidarse os niveis de ocupación dos ríos e dos encoros.

As precipitacións rexistradas en outubro apuntalaron os niveis de ocupación dos ríos, confirmando así a tendencia positiva que se viña observando nos últimos meses.

Os datos avaliados na reunión tamén amosan un incremento na ocupación dos encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Neste sentido, os rexistros dos encoros véñense mantendo nas últimas semanas por encima da media dos últimos 10 anos.

Cómpre lembrar que a Oficina Técnica da Seca, integrada por técnicos de Augas de Galicia, da Consellería do Medio Rural, Meteogalicia e a Dirección Xeral de Emerxencias, activou en xullo a situación de prealerta nas bisbarras da Mariña e de Ortegal.

A activación da prealerta realízase como aviso temperán para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca e implica un incremento do seguimento continuo dos caudais nos ríos nestas zonas.

Augas de Galicia vén realizando un seguimento exhaustivo da evolución da totalidade de encoros e ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, reforzando nos últimos meses o control nas contornas en situación de prealerta, ata confirmar o restablecemento dos caudais dos ríos.

Exit mobile version