Lugo, a 24 de novembro de 2020. Ao rematar a sesión plenaria ordinaria da Deputación, os membros do grupo popular viron acrecentada a súa impresión de que o goberno provincial actúa como se tivera algo que ocultar en relación coa extinción da sociedade provincial Suplusa. O portavoz dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Estamos absolutamente sorprendidos porque o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, non quixo contestar á pregunta que lle fixo o PP para saber quen autorizou que Tragsa puidese utilizar a maquinaria e equipos de Suplusa, sen que esta sociedade provincial dera permiso para elo”.
Castiñeira engade: “O presidente Tomé deu largas e dá un pouco a idea de que, en relación con Suplusa, este goberno ten algo que ocultar. Preguntamos novamente quen foi o responsable político que autorizou o uso da maquinaria de Suplusa sen a autorización da sociedade provincial, e tampouco tivemos resposta e é algo que debemos saber antes do pleno para a extinción de Suplusa; non podemos pechar, extinguir esta sociedade provincial con estas dúbidas”. Na mesma sesión, o PP presentou dúas iniciativas para que o goberno presidido por José Tomé dea a coñecer o valor de uso da maquinaria de Suplusa utilizada por Tragsa desde xaneiro deste ano, así como para que no expediente de extinción de Suplusa se inclúa manifestación expresa do presidente da Deputación de que seguen vixentes os convenios establecidos entre os concellos e esta sociedade provincial.
Por outro lado, o portavoz dos populares di que, como balance xeral deste pleno ordinario, están satisfeitos. Por un lado, explica Castiñeira, porque “a moción do noso grupo coas emendas aos orzamentos xerais do Estado para 2021, no que se refire á provincia de Lugo, que son moi necesarias, saíron adiante porque foron apoiadas polo BNG; esperemos que no Congreso dos deputados tamén se teñan en conta”.
Castiñeira di que os deputados do PP tamén saíron satisfeitos “porque o goberno provincial deu marcha atrás e aplicará a opción que expuxo o PP de encargar unha asistencia técnica para buscar a mellor solución para atender a demanda dos veciños e dos concellos afectados pola limitación ao paso de vehículos de menos de 10 toneladas pola ponte de Uriz (Santo Estevo), na zona de Outeiro de Rei, que afecta a catro municipios”.