O motivo da demisión é a organización paralela por un grupo de socios, sen o consentimento da directiva, dunha das campañas máis importantes do ano, o Shopping Weekend, nos días 6 e 7 de novembro, recén decretado o peche perimetral e da hostalería no concello de Viveiro, cunha situación epidemiolóxica de alerta vermella.
A directiva saínte explica que, ante a falta dunha lexislación ad hoc sobre este tipo de eventos, consultou coas autoridades competentes a súa celebración, recibindo a recomendación de non celebrar a campaña. Deste xeito, tomou a decisión de pospoñela a un momento máis propicio ao non considerala pertinente no mencionado contexto sanitario, entendendo que había que cumprir coa necesidade de evitar colas e aglomeracións á entrada dos negocios. A xunta resalta que o comercio local é sen dúbida seguro, pero en circunstancias excepcionais e ante a habitual afluencia de persoas nesa fin de semana para mercar e beneficiarse dos descontos, está por diante a salvagarda da saúde dos comerciantes, dos traballadores e da veciñanza.
Por outra banda, a dirección considerou tamén que a decisión tomada por criterios sanitarios estaba apoiada por razóns de índole económica, dado que o Shopping Weekend atrae cada ano a clientes non só de Viveiro, senón de toda A Mariña Lucense e tamén da comarca de Ortegal. A directiva dubida da rendabilidade da campaña nese momento ante a imposibilidade de que clientes de fóra do municipio poidesen desprazarse ao casco histórico.
Neste contexto, un grupo de socios decidiu organizar en paralelo a mencionada campaña, sumándose un total de 30 dos 103 comercios asociados. Así, a directiva saínte entende que se puxo en cuestión non só unha decisión que cre meditada e responsable en atención ao interese xeral, senón tamén o seu traballo a prol do comercio do casco histórico de Viveiro.
Con respecto á campaña de Nadal, a directiva saínte aclara que comezou a traballar o pasado mes de setembro na organización da mesma, quedando aprobada a maioría das iniciativas na acta da reunión ordinaria da xunta do 7 de outubro. Quedan aprobadas a compra e reparto dos abetos, unha acción vinculada á entrega de cartas dos nenos a Papá Noel adaptada ao escenario actual da Covid-19 e a realización dunha ruleta de premios, así como a colocación da árbore de luz en exteriores. A celebración do sorteo dos soldos queda vinculada á decisión que tome a directiva entrante, xa que depende das medidas sanitarias vixentes nese momento.
Desde a directiva saínte remarcan a complexidade de dirixir unha asociación coma o CCHV nun momento coma o actual, cunha situación sanitaria que pon en risco as nosas vidas e marca o ritmo das actividades socioeconómicas, provocando constantes cambios na normativa e dificultando a toma de decisións por parte das agrupacións. A xunta conclúe que agora máis ca nunca é preciso o apoio dos asociados e a unión do comercio local, polo que considera especialmente grave a situación relatada.