O convenio contempla a elaboración do proxecto de construción de vivendas de protección oficial en Ferreira do Valadouro, a adecuación dun inmoble para usar como centro de día e a adquisición de bombas de recirculación de auga para a piscina municipal.
En canto ao proxecto para a construción de vivendas, o Presidente explicou que ten un investimento de 43.000€ e o obxectivo é “crear unha bolsa de vivendas por iniciativa municipal que apoiamos con este convenio dende a Deputación para fixar poboación, promovendo que as novas xeracións poidan quedarse a vivir en Ferreira e evitar que se vaian a outras localidades”.
A previsión inicial é construír 22 vivendas, nun edificio que terá un soto con 22 prazas de garaxe, 22 rochos, planta baixa con locais comerciais, 3 alturas e 1 planta baixacuberta. “Os prezos das vivendas estarán regulados e serán asequibles para que a xente moza poida optar a elas”, subliñou Tomé Roca.
Centro de día
Este convenio tamén contempla o acondicionamento e equipamento dun inmoble municipal para a creación dun centro de día en Ferreira por importe de preto de 57.000€. O edificio onde se van efectuar os traballos está destinado a vivendas sociais e a súa planta baixa a centro de día. As actuacións estarán enfocadas a resolver as deficiencias detectadas no seu estado, a garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e a crear un espazo acorde co uso de centro de día.
O local vai contar con dous aseos adaptados, vestíbulo e corredor, sala de curas, oficina, almacén, comedor, unha sala polivalente e unha sala de rehabilitación.
Pola súa banda, a adquisición de bombas de recirculación para a piscina municipal ten un investimento de preto de 14.000€, que servirán para mellorar o funcionamento desta infraestrutura que se utiliza nos meses do verán.