Lugo, 2 de novembro de 2020. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), Antonio Hernández Fernández, asinaron o convenio de colaboración polo que a institución provincial lle destina a esta entidade 34.000 euros para o programa de intermediación laboral e prácticas laborais.
O obxectivo deste proxecto é facilitar ás persoas con enfermidade mental da provincia de Lugo o acceso a un posto de traballo e a adquisición de hábitos e habilidades sociais. A día de hoxe, son máis de 400 persoas con enfermidade mental inscritas como demandantes de emprego no Servizo de Emprego e Formación da provincia de Lugo.
Este programa pretende que os usuarios e usuarias apliquen as súas competencias e capacidades na práctica real do traballo nunha empresa; que aumenten a capacitación profesional e a súa experiencia laboral e que consigan afrontar o emprego dun xeito máis fácil con motivación real para traballar.
Desde FEAFES realizan con cada usuario un itinerario personalizado de inclusión no que se establecen unha serie de medidas orientadas para a consecución de obxectivos e a reinserción laboral dos participantes. Os profesionais desta entidade proporciónanlles apoio, asesoramento, acompañamento e seguimento do itinerario marcado.
Ademais, esta programación inclúe aspectos relacionados coa sensibilización empresarial, posto que fomenta o desenvolvemento de acordos con empresas para a implantación de políticas de responsabilidade social no marco da integración laboral de colectivos con especiais dificultades, e busca captar o apoio empresarial para a contratación de persoas deste colectivo social, entre outras cuestións.
FEAFES
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro, constituída no 1995, que a día de hoxe agrupa a 14 asociacións distribuídas por toda a xeografía galega. A misión de FEAFES é mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, así como das súas familias e achegados.