Lugo, 3 de novembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Deputado de Medio Ambiente, Xosé Luis Raposo, asinou un convenio de colaboración co secretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Froilán Pallín, a través do cal a institución provincial achega 10.000 euros a esta entidade para o desenvolvemento de actividades de información, educación e asesoramento ambiental na provincia de Lugo. Esta achega permite a ADEGA financiar os gastos do local da súa delegación de Lugo e contratar persoal profesional para desenvolver as actividades medioambientais de sensibilización que organiza.
José Tomé destacou que “a divulgación dos valores naturais e da riqueza medioambiental que temos na provincia de Lugo é necesaria para sensibilizar á cidadanía no coidado e conservación do noso medio ambiente”.
Durante todo o ano, esta entidade ecoloxista non lucrativa organiza roteiros e obradoiros abertos á participación da cidadanía para dar a coñecer os valiosos recursos naturais, do medio rural e a sostibilidade na provincia de Lugo. Tamén edita e difunde folletos entre a veciñanza para sensibilizar sobre diversas temáticas medioambientais como son a xestión de residuos, o uso da auga, as boas prácticas ambientais ou o cumprimento da lexislación ambiental entre outras temáticas de actualidade.