Lugo, 5 de novembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves co presidente da Fundación Meniños,Mónica Permuy López, un convenio de colaboración polo cal o organismo provincial achega 8.500€ para que o colectivo desenvolva o proxecto Viaxe ao reino das emocións na provincia de Lugo.
Trátase dunha proposta dirixida a nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil, así como de 1º e 2º de Primaria, na que os alumnos e alumnas descobren e adquiren competencias emocionais como a autoestima, a empatía, a conciencia ou a resolución de conflitos a través dun conto e actividades, tales como xogos de cartas, vídeos, cancións, baile e obradoiros manuais.
Tomé Roca puxo en valor este proxecto baseado na educación emocional, no que participan máis de 650 alumnos de colexios de toda a provincia, pois favorece o desenvolvemento a nivel persoal dos nenos e nenas, previndo a aparición de condutas negativas e promovendo valores e actitudes tan importantes como a solidariedade, a igualdade ou o compañeirismo.
A Fundación Meniños é unha entidade sen ánimo de lucro especializada na protección da infancia e da adolescencia, cun traballo orientado a garantir o seu dereito a vivir en familia. Dende o ano 1996 traballa a favor dos dereitos dos nenos e nenas en situación de dificultade social por medio de programas especializados de prevención e intervención familiar.