María José Nóvoa, directora técnica xeral da asociación “A Mariña”, indica que para ela “é un orgullo seguir liderando un equipo de profesionais de alta capacitación profesional e persoal, involucrado sempre no servicio ó colectivo”. A todos eles agradécelle, ademais, o esforzo demostrado durante estes últimos meses de pandemia, sinalando que “a súa profesionalidade levounos a vivir esta situación dende a empatía, o compromiso, o entusiasmo e o sorriso permanente, estando ao servizo dos usuarios e as súas familias coma sempre o fixeron e, ao mesmo tempo, como nunca”, valora.
Este cambio organizacional suporá unha oportunidade de crecemento persoal e profesional para os novos responsables dos dispositivos, os cales estiveron formándose e preparándose para a ocasión durante os últimos meses. Os novos responsables asumen este reto con ilusión e compromiso para seguir garantindo a mellor atención ás persoas usuarias e ás familias.
Estas melloras favorecerán, ademais, unha maior proximidade e coordinación de cada centro, posto que están espallados por distintas zonas da comarca mariñá. “A Mariña” conta actualmente con dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en Burela e en Ribadeo, unha Unidade Residencial en Cervo, un servizo de piso tutelado en Burela e unha vivenda protexida para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental.
Esta nova etapa da asociación vén acompañada doutros dous acontecementos importantes para “A Mariña”. Por unha banda, o 1 de decembro asinarase co Sergas un novo concerto de prazas, o cal permitirá seguir dispoñendo do financiamento necesario para manter un total de 75 prazas nos seus centros.
Por outra banda, ese mesmo día, a asociación estrea a súa nova páxina web www.adaoemam.es, a cal contará con información actualizada e de utilidade sobre “A Mariña” e permitirá amosar con transparencia o traballo que realiza a entidade. A presentación deste novo espazo web é unha aposta pola comunicación externa e por tratar de chegar a cada vez máis xente que poida beneficiarse dos servizos da asociación.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña naceu en 1999 e foi fundada por familias que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a súa integración na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación psicosocial e laboral.
Actualmente conta con máis de 200 socios colaboradores e con arredor de 90 usuarios, que se benefician dos servizos prestados nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e de Ribadeo, na vivenda tutelada para mulleres víctimas de violencia de xénero , na Unidade Residencial de Cervo e no piso protexido .