Cervo, 16 de novembro, 2020. O próximo mércores día 18 de Novembro a Asociación A Mariña ven a inagurar a súa exposición de artesanía da Aula do Mar inclusiva, a primeira destas características na contorna e na Comunidade Galega. Terá lugar na Casa da Cultura de San Cibrao (Cervo), cunha duración de un mes, dende o 18 de novembro ata o 18 de decembro.
A Aula do Mar A Mariña, trátase dun proxecto de integración social para as persoas con enfermidade mental crónica, na cal se pon en valor o patrimonio costeiro, os recursos patrimoniais e ambientais da zona da Mariña-Ortegal. Este proxecto desenvólvese na Unidade Residencial de Cervo e ten unha duración de tres anos pero que tamén será desenvolvido nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral que a entidade dispón nas localidades de Burela e Ribadeo sendo así un aula itinerante.
Os participantes gozan de maneira activa nas actividades propostas aproveitando as potencialidades e características da nosa costa Mariña-Ortegal. A “Aula do Mar” é un espazo de comunicación transversal ante o sector pesqueiro e os demáis colectivos en risco de exclusión social.
A Aula do Mar, contempla cinco actividades xerais: terapia-mar, crea-mar, coida-mar, explora- mar e “o camiño e o mar”. Todas elas responden ás necesidades integrais d@s usuari@s e perseguen o fin e obxectivo último da entidade: traballar pola rehabilitación integral das persoas con enfermidade mental crónica para aumentar e manter a súa calidade de vida.
Polo tanto, as pezas de artesanía que se poderán contemplar na exposición son aquelas realizadas nos talleres da actividade denominada “Crea-mar” durante este ano 2020. Elaboráronse dende libretas pintadas á man, lápices decorados, xabóns artesanais, pezas de cerámica, todo con motivos mariñeiros e do mar. Todos estes productos foron elaborados con moito entusiasmo e agarimo pol@s nos@ usuari@s.
Toda participación activa da entidade nese tipo de actividades axudan a dar maior visibilización ao colectivo á vez que fixo que aumentase e influíse moi positivamente na autoestima dos nosos usuarios, sentíndose moi orgullosos xa que está a ser unha experiencia moi pracenteira para todos eles.
Este proxecto concedeuse ó abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobada pola Consellería do Mar ó Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) a Mariña – Ortegal no marco da FEMP.
Entre os obxectivos estratéxicos da EDLP que procura este proxecto está fomentar o aproveitamento sostible do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras, incluíndo a mitigación do cambio climático e da transición a unha economía de baixas emisións de carbono.