O concerto desenvolverase no polideportivo do centro, coa presenza do alumnado que poderá desfrutar da actuación ao vivo. Tamén será retransmitida en streaming, de forma que todos os centros educativos do país poidan sumarse virtualmente a esta celebración a favor do galego.
Nesta edición, condicionada pola situación sanitaria, o Correlingua terá presenza física en doce centros escolares doutras tantas localidades galegas e contará coa participación de nove artistas en actuacións. O pasado 6 de novembro, o escenario da celebración era o IES Nosa señora dos Ollos Grandes de Lugo.
A área de Cultura da Deputación achega 21.000 euros á Asociación Cultural Correlingua, que este ano cumpre 20 anos de traballo a prol do galego, efeméride que conmemora co lema #Vintecoalingua.
Os seus obxectivos son propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela, sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua, asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades e contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos.
.