Segundo indica a Asociación, a concentración dos asistentes realizarase diante do edificio administrativo do Concello de Lugo (zona peonil Ronda da Muralla-parte traseira Colexio Maristas de Lugo), dirixirase por Ronda da Muralla cara ao edificio multiusos da Xunta de Galicia, seguindo por Porta San Fernando para dirixirse a rúa San Marcos (Deputación de Lugo), logo a Santo Domingo, cara á Subdelegación do Goberno, e Conde Pallares ata a Praza Maior, onde finalizará diante do Concello.
Durante a acción reivindicativa, distintos vehículos de reparto de distribuidores de hostalería circularán pola Ronda da Muralla para potenciar a protesta e dar visibilidade a todos os axentes da cadea de valor do sector.
Para todos aqueles que non poidan asistir á concentración na cidade, a acción no resto dos concellos da provincia consistirá nunha concentración, sen percorrido, o mesmo día, sábado 7 de novembro, ás 11:00 h da mañá diante dos consistorios correspondentes.
En todo momento manteranse as oportunas medidas de seguridade e garantirase o mantemento da distancia de 1,5 metros entre asistentes, así como uso de máscaras.
AUDIENCIA COA XUNTA
Ademais desta acción, a Apehl comunicou que toda a hostalería de Galicia solicitou unha audiencia co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e co vicepresidente, Alfonso Rueda, na que trasladar as inquietudes dos hostaleiros, solicitar axudas para saír desta crise e poder convocar unha manifestación de todo o sector a nivel galego.