Na súa intervención, Tomé Roca subliñou que o novo escenario xurdido coa crise sanitaria da Covid-19 puxo sobre a mesa a importancia dos “produtos e do comercio de proximidade. Vemos como o mundo rural presenta unha mellor resistencia a esta enfermidade que o mundo urbano”, explicou. O mandatario provincial subliñou que unha dieta equilibrada se revela como un dos factores de defensa da saúde e, por iso, cómpre apostar por alimentos da calidade como os que se atopan na provincia de Lugo.
“O impacto da pandemia puxo de manifesto a importancia de manter un sector primario capaz de abastecer o territorio en caso de colapso das comunicacións, e tamén nos fixo reflexionar sobre se ten sentido importar produtos dende catro ou cinco mil quilómetros que poderíamos producir e transformar aquí”, incidiu Tomé.
Neste sentido, o Presidente recalcou a necesidade de “impulsar plans que favorezan a segunda e a terceira transformación dos produtos, que favorezan o desenvolvemento de procesos que dan valor engadido”, pois “non queremos ser só subministradores das mellores materias primas, queremos poder transformalas, que o valor engadido se quede aquí, e recibir o beneficio social e económicos deses produtos elaborados”.
Apostar polo sector primario, engadiu, “ten un efecto beneficioso na saúde do individuo, pero tamén no corpo social no seu conxunto”, xa que supón “aproveitar os nosos grandes e variados recursos para crear emprego e riqueza, e para fixar poboación, pero tamén favorece a sostibilidade ambiental, a ecoloxía e a saúde”.
O Presidente puxo o foco no compromiso da Deputación de Lugo por manter, potenciar, renovar e innovar a tradición e a capacidade de produción do sector primario da provincia. Explicou Tomé Roca que proba diso é a estreita colaboración co Campus Terra para desenvolver proxectos para mellorar a cría de gando a ou o produción láctea na Granxa Gayoso Castro. Tamén un bo exemplo é o programa Prende! Bota raíces no rural para axudar á xente moza a que atope futuro profesional no lugar no que vive e dinamizar así a economía lucense.
Selección de produtos
A Deputación de Lugo colabora con este foro proporcionando unha cesta de produtos da provincia para os participantes, co obxectivo de realizar unha cata virtual na que se degusten uns exemplos do bo facer dos produtores da provincia.
Cada cesta inclúe unha cuña de queixo da Nabiza Eco de Arqueixal, xamón reserva de Porco Celta, marmelada extra de arándanos Caurelor, lombos de Bonito do Norte de Conservas Faro de Burela, calamares na súa tinta de Currimar, porción de lombo de Embutidos Suarna, galletas artesás Mariñeiras Daveiga, mel de autor de Manuel Sande, e viño da denominación de orixe Ribeira Sacra.
Forum Ries20
O Fórum RIES20 é un foro internacional de referencia a nivel autonómico e nacional que aborda os retos e oportunidades do ecosistema da saúde. Está organizado polo Clúster Saúde de Galicia e concentra aos principais axentes do sector sanitario e sociosanitario do ámbito público e privado a nivel europeo.
Celébrase este xoves, o día 28 de outubro e o 4 de novembro. Están previstas 40 conferencias e inclúe catas virtuais de produtos de Galicia.