Site icon Crónica3.com A Mariña

Salgueiro cre que A Mariña queda sen Plan de Sostenibilidade Turística porque o presidente da Mancomunidade non soubo moverse en Madrid para lograr financiación do Estado

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Xove, a 01 de outubro de 2020. O alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, considera que o presidente da Mancomunidade da Mariña, o socialista Francisco Cajoto, non fixo os deberes, non levou a cabo as xestións adecuadas, e por iso non conseguiu o apoio do Goberno para o Plan de Sostenibilidade Turística, un recurso esencial para superar a difícil situación que atravesa a comarca. Salgueiro sinala que Cajoto daba por segura a aportación do Estado, pero, finalmente non foi así, pese a que tiña o aval da Xunta de Galicia.

O anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, reuniuse o pasado 5 de agosto con representantes da Mancomunidade para explicar o Plan de Sostenibilidade para a comarca, ademais dos criterios a cumprir para a selección. A Secretaría de Estado de Turismo debía aportar entre o 40-45% do orzamento; a Xunta, tamén entre o 40 e o 45%, mentres que á Mancomunidade lle correspondería aportar entre 10-20%. O orzamento total podería chegar a tres millóns de euros para o período 2021-2023.

Salgueiro destaca que “a Xunta tiña adquirido o compromiso de apoiar este plan, pero, debido a que o presidente da Mancomunidade non fixo os deberes, ao final o Estado non poñerá a parte que lle correspondía”. Cajoto -engade Salgueiro- “saíu nos medios de comunicación, a toda plana nalgún caso, falando deste plan e dando por feito que se contaría coa financiación correspondente o Estado, e non foi así; vese que Bugallo si fixo os deberes, soubo moverse en Madrid e conseguiu financiación para o plan de Santiago”.

O alcalde de Xove destaca que para a comarca da Mariña era de vital importancia conseguir a posta en marcha do Plan de Sostenibilidade Turística, afectada como está por la crise económica derivada da pandemia e tocada pola situación de Alcoa. Salgueiro di: “Este plan, aprobado por unanimidade na Mancomunidade, tiña que servir para dinamizar o turismo na comarca e, deste xeito, ser un motor da nosa economía”.

Exit mobile version