Burela, 1 de outubro, 2020. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, xunto coa Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela e coa colaboración de Armadores de Burela, pon en marcha unha nova iniciativa gastronómica cun triple obxectivo: fomentar o consumo do peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.
O “Camiño Gastronómico do Mar” consiste nunha serie de xornadas gastronómicas que terán lugar en trinta restaurantes dos quince concellos costeiros polos que discorre o “Camiño do Mar”: desde Ribadeo (Lugo) a Neda (A Coruña), pasando por Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, na provincia de Lugo; e Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño e Narón, na provincia da Coruña.
O acto de presentación da campaña terá lugar este venres 2 de outubro a partir das 12:00h no salón de actos de ABSA e estará presidido de forma virtual pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana.
A presentación contará coa intervención de representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e da Asociación Amigos do Camiño do Mar; e coa presenza de representantes territoriais das dúas Mancomunidades de Concellos polos que discorre a acción: A Mariña Lucense e Ferrolterra Rías Altas.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.