Para Carril, que declarou como testemuña da parte social, hoxe quedou demostrada de forma evidente en sede xudicial a falta de motivación e a mala fe de Alcoa neste proceso de despedimentos e, en particular, en todo o referido á decisión de parar as cubas de electrólise. “É obvio que Alcoa non ten máis preocupación que pechar a fábrica e evitar que se poida continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao”, denuncia.
Pero permitirlle a Alcoa parar as cubas significaría un dano irreversíbel nas capacidades produtivas e lastraría unha solución de futuro. “Resulta evidente que con esta decisión Alcoa está impedindo e boicoteando calquera solución de continuidade industrial que pase por unha venda ou por outras alternativas de mantemento da produción, sen importarlle a consecuencia do desastre industrial e a destrución de postos de traballo que xera para A Mariña e para o conxunto do país, tanto na principal como nas auxiliares”.
A este respecto, Carril insiste que a saída para a fábrica “non está no xulgado como tampouco estaba na mesa do ERE, senón na actuación política dos Gobernos”. Por iso reclama que se fixe xa a data da reunión da Mesa Multilateral e que se concrete un calendario de actuacións para a intervención efectiva da planta, “pois sería intolerábel que o tribunal asumira as medidas cautelares e as administracións non tiveran feito o traballo necesario para que a SEPI se faga cargo de inmediato da fábrica”.
En todo caso, Carril salienta que este conflito é demostración palpábel de que “somos vítimas da reforma laboral, pois de terse derrogado, Alcoa non podería decidir unilateralmente o despedimento de preto de 1000 traballadores/as e a parada das cubas”. De igual xeito, para o secretario xeral da CIG salta á vista a necesidade de cambiar as políticas para que sectores estratéxicos da economía sexan xestionados dende o público e non estean ao arbitrio de decisión de grandes corporacións multinacionais.
Intervención e administración da planta
En canto á demanda de cautelares, cómpre lembrar que a representación social pide a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da SEPI durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme.
De maneira subsidiaria, no escrito tamén se solicita do TSXG que ordene a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non proceda á parar a produción de aluminio na fábrica e a levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva esta paralización da planta e, concretamente, das cubas de electrólise, mentres non haxa sentenza firme no proceso de despedimento colectivo.
Medidas excepcionais para unha situación excepcional
Por parte do letrado da CIG, Héctor López de Castro, nas súas conclusións valorou a excepcionalidade das medidas que se piden nas cautelares, mais que están á altura da “situación de excepcional gravidade” á que se enfronta á comarca da Mariña ante o anuncio de ERE. Un plan que afecta non só ao persoal da principal, senón a preto de 500 traballadores e traballadoras das industrias auxiliares para quen a multinacional non quixo en ningún momento entrar a avaliar solucións.
Nas súas conclusións destacou o feito grave de que a empresa se pretenda situar como un poder absoluto no que único que vale é o dereito de propiedade e a liberdade de empresa que “non inclúe o dereito a limitar un sector estratéxico, eliminar un competidor mercantil e destruír mil postos de traballo cando existen alternativas”, aseverou. A liberdade de empresa no marco da UE está orientada á mellora das condicións de traballo e isto afecta directamente aos procedementos de despedimento colectivo e ao dereito a manter o posto de traballo.
López de Castro salientou tamén a mala fe na negociación de Alcoa, que se dedicou a consumir tempo, aproveitándose ademais das limitacións sanitarias e sen atender os avances, propostas e esforzos presentados na mesa multilateral, malia que se lle ofreceu un plan industrial con prezos eléctricos competitivos (xa que este é o gran problema alegado por Alcoa).
A este respecto, resaltou que hai outra empresa que asume que pode continuar coa produción nestas condicións ofrecidas pola administración, o que desmonta os argumentos de Alcoa sobre a necesidade dos despedimentos e a parada das cubas como única saída para a fábrica de aluminio primario da Mariña.