Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian novos recortes da Xunta na sanidade pública do rural da provincia

Lugo, 25 de outubro de 2020. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá o vindeiro martes, no Pleno da Corporación, unha moción para frear novos recortes na sanidade pública do rural da provincia reclamando ao Goberno de Feijóo que cubra a praza de médico, vacante por xubilación, no concello do Saviñao.

A voceira do PSdeG na Deputación, Pilar García Porto, demanda que a Xunta poña fin á práctica que converte as xubilacións en perda de prazas. E nesa liña solicita que se elabore un plan de avaliación real das necesidades da sanidade rural galega, tendo en conta criterios, como a poboación, dispersión, envellecemento ou a pegada da Covid, co fin de recuperar as ratios das plantillas do ano 2009.

García Porto explica que o concello de O Saviñao, na Ribeira Sacra, é un bo exemplo da realidade do rural lucense e da Galicia interior. Conta cunha poboación de aproximadamente 3.750 veciños e veciñas, espallados nunha extensión de 197 km2, o que dá unha densidade media moi baixa, por debaixo dos 20 habitantes por km2. Con 29 parroquias e 312 núcleos de poboación, é un bo exemplo da dispersión e envellecemento da poboación do rural lucense: a porcentaxe máis elevada de habitantes sitúase na franxa de 70 a 79 anos; a mais baixa, na infancia, nos 0 a 9 anos.

Xubilación dun médico
Así as cousas, a socialista argumenta que “a dispersión e o envellecemento esixen un esforzo á hora de deseñar o mapa dos servizos públicos e garantir a calidade dos mesmos, especialmente no que respecta á sanidade pública. O Saviñao conta cun centro de atención primaria en Escairón, a súa capital, no que veñen prestando servizo 3 médicos de atención primaria e un pediatra. A estes súmase o médico que atende o consultorio de Currelos. Pero os veciños e veciñas están preocupados ante a xubilación dun dos doutores que pasa consulta no centro de Escairón, pola actual política do Sergas de aproveitar as xubilacións para facer recortes de persoal”.

A sanidade de Feijóo empeora as ratios
Coa dotación actual de catro médicos de atención primaria para atender a 3.750 veciños, a ratio estaría nos 937 pacientes por doutor. A redución dun posto, elevaría esa ratio a 1.250, que se acerca ós topes de 1300/1500 doentes que aconsella a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria. “Non se entende que a política sanitaria galega tente empeorar os ratios alí onde son bos, en lugar de melloralos no conxunto do territorio galego”, asegura García Porto.

A Deputada argumenta tamén que “o propio presidente da Xunta ten insistido, nas negociacións co Goberno central, na necesidade de ter en conta o envellecemento e a dispersión á hora de avaliar o custo real da sanidade galega. Desgraciadamente, o que Feijóo reclama coas súas palabras en Madrid, négao cos seus feitos en Galicia, onde unha década do seu goberno se salda con recortes no presuposto, a perda de máis de 900 camas de hospital é 1.100 profesionais menos na Atención Primaria da nosa comunidade”.

Recortes no rural galego
O Grupo Provincial Socialista quere mostrar de novo o seu rexeitamento á política de recortes na Sanidade Pública que está a aplicar o goberno do PP, especialmente no rural galego: “Entendemos que a práctica de converter as xubilacións en recortes supón, non só unha merma nos servizos que reciben os veciños e veciñas do rural, senón un desprezo ós propios médicos, que ven como a súa carreira profesional se pecha cun deterioro da atención sanitaria que recibirán no futuro os seus pacientes”.

Exit mobile version