Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdG esixe á Xunta unha interlocucción directa e transparente cos alcaldes e presidentes provinciais para combater a crise da Covid

 Lugo, 24 de outubro de 2020. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo esixirá o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación, que a Xunta de Galicia cambie a política de loita contra a pandemia, especialmente nos seus aspectos informativos, e que favoreza unha interlocución directa con alcaldes/as e presidentes/as provinciais en relación cos datos da Covid-19.

Os socialistas demandan unha liña de diálogo e colaboración permanente coa Administración local, que teña en conta á FEGAMP, xunto cos alcaldes e alcaldesas das 7 grandes cidades e os presidentes e presidentas das catro deputacións. Dita interlocución ten que ser directa cos rexedores dos municipios máis afectados para consensuar liñas de actuación efectivas e evitar o efecto de estigma que se causa cada vez que os medios adiantan mapas vermellos ou situacións de especial risco que os propios responsables locais non coñecían en detalle, e que xeran intranquilidade nos veciños e incerteza no tecido produtivo.

Na súa proposta, os socialistas tamén reclaman que se informe a diario, de maneira telemática, aos concellos que teñan positivos por Covid-19 dos datos que lles afectan de xeito claro e transparente.

O PSdeG critica que “Feijoo multiplicou as súas aparicións televisivas arredor da campaña electoral, pero agora non ten tempo para aclarar ós galegos e ás galegas que ocorre na pandemia. Segue a desprezar as reclamacións dos concellos, dos alcaldes e alcaldesas responsables do poder local, que contemplan de novo como as canles oficiais de información vense substituídas polas noticias que aparecen nos medios de comunicación”.

Feijóo ignora a realidade de moitos concellos
Así as cousas, os socialistas aseguran que, “como xa ocorreu na primeira ola da pandemia, ou cos rebrotes da Mariña o pasado verán, os responsables do poder local, teñen que actuar ante a pandemia cunha información incompleta, e vense obrigados a poñer en funcionamento e velar polo cumprimento de medidas que ninguén lles consultou. Porque o Goberno de Feijóo segue a ignorar a realidade de moitos concellos no que respecta á dispoñibilidade de medios –protección civil, policía local ou mesmo voluntarios–, ó tempo que se nega a atender o esforzo que a pandemia está a supoñer para as facendas locais”.

Lembran ademais que, “a principios de xullo, a aparición de novos brotes na Mariña provocou unha reacción inadmisible das autoridades da Xunta. O Feijóo presidente que reclamaba competencias a Madrid durante o Estado de Alarma, deixou paso ó Feijóo candidato que tentaba lavar as mans para manter unha imaxe de campaña impoluta. A solución? Decretar o peche de varios concellos e cargar ós alcaldes/as co cumprimento das medidas, co argumento forzado de que eran “autoridades sanitarias. Xa no mes de agosto, en plenas vacacións pos-victoria electoral, os brotes da residencia do Incio revelaron que non se tiña mellorado nada na atención ós maiores”.

Os Alcaldes reclaman desde setembro información real
“Desde setembro, os alcaldes/as galegos/as veñen reclamando á Xunta información real sobre a evolución da pandemia, isto é, datos numéricos por municipio. A Xunta non pode ignorar de novo á Administración local, a que de verdade está a pé de rúa, á que a cidadanía reclama información, e á que a propia Xunta pide colaboración no cumprimento das medidas. A mellor colaboración pasa por escoitar ós alcaldes antes de deseñar as medidas e comunicarllas a eles antes de aprobalas”, advirte o PSdeG.

Escoitar ós sectores económicos
Os socialistas reclaman tamén que a Xunta “escoite ós sectores económicos, porque a epidemia, ademais dunha urxencia sanitaria, é un problema socioeconómico. Temos que traballar xuntos para deseñar medidas pensando na súa eficacia real, non no impacto dos titulares. Por poñer un exemplo, pechar a hostalaría pode derivar na celebración de festas privadas, festas privadas que moitos concellos non poden controlar por falta de medios materiais e persoal para facelo. A Xunta non pode seguir pensando que todo o que escribe nas páxinas do DOG se traslada como por arte de maxia á realidade do territorio”.

Exit mobile version