José Tomé salientou que a Deputación “é unha institución pegada ó territorio, ós concellos, á sociedade e ó tecido produtivo da provincia. Por iso, temos un coñecemento real e preciso do que a provincia de Lugo necesita para saír da crise provocada pola pandemia da mellor maneira posible, para impulsar o desenvolvemento social e económico da provincia dun xeito equilibrado e sostible no tempo e para fixar poboación, sobre todo no rural. Dende ese coñecemento da provincia que nos dá estar pegados ó territorio, facemos unha batería de propostas que cremos que deben recoller os Orzamentos 2021 da Xunta de Galicia”.
Infraestruturas
O rexedor provincial explicou que “dende que goberna Feijóo, as infraestruturas necesarias para vertebrar e desenvolver a provincia, ou ben desapareceron das previsións da Xunta ou ben están paralizadas. Hai exemplos moi claros. Once anos despois, seguimos esperando pola Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte, polo acceso ó porto seco de Monforte e polo desdobramento completo do corredor Lugo-Monforte en autovía. Neste caso, si que se fixo algo, pero sen sentido. Comezouse polo tramo Sarria-A Pobra de San Xiao, cando o treito que ten máis intensidade de tráfico é o de Lugo-A Pobra”.
“Dende a Deputación de Lugo, pedimos que a Xunta salde estas débedas históricas e todas as que ten coa provincia de Lugo en materia de infraestruturas”, remarcou Tomé.
Plan de Dixitalización
“Para fixar poboación no rural e favorecer o seu desenvolvemento económico é imprescindible un Plan de Dixitalización que elimine todas as zonas de sombra que hai na nosa provincia dotándoas de cobertura e de servizo de telefonía móbil e de internet. Non pode ser que, mentres a Xunta presume de despregar o 5G, siga habendo amplas zonas do noso rural sen cobertura”, denunciou o Presidente.
José Tomé manifestou que “a pandemia acentuou as desigualdades provocadas pola fenda dixital e puxo de manifesto a urxencia de garantir un servizo de calidade de móbil e de internet, para poder manter a poboación e para impulsar a actividade económica: para que os nosos produtores poidan vender por internet nun mercado global; para facer trámites administrativos; para que os rapaces poidan estudar en igualdade de condicións; e para garantir o teletraballo”.
Plan de Industrialización
José Tomé lembrou que dende a Deputación lévase reclamando dende hai moito tempo un Plan de Industrialización. “O Estatuto de Autonomía di que as competencias en Industria son da Xunta. Por iso, o Goberno galego debe levar ó Parlamento un Plan de Industrialización para Galicia e para a provincia de Lugo. Un plan que poña en valor os recursos primarios que xa temos, e que favoreza a segunda e a terceira transformación dos produtos para que o valor engadido quede aquí. Un plan industrial que impulse o desenvolvemento harmónico do territorio, sobre todo do rural, que mellore a calidade de vida da xente e que fixe poboación”.
Sobre a situación de Alcoa, o Presidente destacou a importancia de diversificar a produción industrial. “Toda unha comarca non pode depender dunha soa empresa. Estámolo vendo na Mariña co grave problema provocado polo capricho de marchar e de pechar dunha multinacional, como é Alcoa, á que, por certo, a Xunta lle veu facendo o xogo por interese electoral. O Goberno do Estado é o que está poñendo sobre a mesa solución reais, tanto de compradores externos privados, como é a oferta de Liberty House, como a adquisición pola SEPI. A Mariña e a provincia teñen que manter a actividade da planta de Aluminio, pero tamén deben implantarse outras actividades industriais que favorezan ou seu desenvolvemento e que, en situación de crise, impidan que a economía de toda unha comarca ou dunha provincia dependan dunha soa empresa”.
Recuperación dos piares básicos do Estado de Benestar
En materia de benestar, o máximo responsable provincial esixiu un modelo que cubra as necesidades do conxunto do territorio da provincia, con servizos públicos de calidade e que non desarraiguen á poboación, tanto en materia de sanidade e de servizos sociais, como de educación. Cunha poboación tan dispersa e envellecida como a provincia de Lugo, José Tomé demandou máis profesionais.
“Aínda que non está entre as nosas competencias, na Deputación temos un modelo propio de atención sociosanitaria que aplicamos nos nosos Centros de Atención a Maiores, un modelo que está demostrando moi bos resultados, sobre todo neste contexto de emerxencia sanitaria. Un modelo público, de calidade, de proximidade, que sitúa no centro ás persoas, e que garante o benestar e a tranquilidade, tanto dos usuarios, como das súas familias”, destacou Tomé Roca.
Foro de recuperación
O Presidente tamén demandou máis diálogo e colaboración institucional e propuxo crear un foro coa Xunta de Galicia onde estean representadas as 7 grandes cidades da comunidade galega e as 4 deputacións provinciais co obxectivo de afrontar a recuperación da crise derivada do coronavirus Covid-19.
Orzamentos do Estado
Tomé Roca abordou ademais no encontro con Gonzalo Caballero as propostas da Deputación de Lugo para os Orzamentos do Estado para o 2021. Entre as principais demandas, reivindicou a creación dunha autoridade portuaria propia para a provincia de Lugo, “unha demanda histórica que reúne un gran consenso social e político. Somos a única provincia marítima do Estado cun porto de interese xeral que non ten autoridade portuaria propia, e é o momento de rematar con esta anomalía”.
Tamén pediu as partidas necesarias para avanzar na chegada do AVE a Lugo, o inicio das obras da A-76 (Ponferrada-Ourense) e que se complete a A-54 (Lugo- Santiago).