José Tomé explicou que Lourenzá conta con dous campos de fútbol -un para disputar partidos e outro de adestramento- que teñen céspede natural, feito que limita as horas de emprego. “Para favorecer a práctica deportiva dos máis de 100 rapaces de distintos equipos e categorías que usan estas instalacións a diario, dótase de herba artificial a un deles”, subliñou Tomé Roca, quen enmarcou esta colaboración económica no compromiso da institución coa cooperación cos concellos para dotar e mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.
Os traballos, que se están levando a cabo actualmente, consisten no movemento de terras e escavación en baleirado para a instalación do firme e dos pavimentos; drenaxe con canaletas nos laterais do campo, tubaxes de PVC e arquetas de fábrica de ladrillo, e bordos de formigón nos fondos do campo. En canto á pavimentación, esta levará un tratamento superficial de base herbicida e base de zahorra artificial de 20 cm.
Así mesmo, dotarase dunha rede de rego con aspersores emerxentes, depósito prefabricado enterrado de 20m3 e un grupo de bombeo. Por último, instalarase unha estrutura para balóns de 6ms de altura e 4 picas de córner. As obras estarán rematadas a finais de novembro.
Máis actuacións na Casa da Xuventude
O Presidente visitou tamén a Casa da Xuventude de Lourenzá, pois a Deputación vén de asinar un convenio de colaboración co Concello por valor de 50.000€ para realizar melloras na fachada do edificio. Concretamente, as actuacións consistirán na súa impermeabilización para acabar coas filtracións de auga. Estas obras son moi importantes porque no inmoble sitúase o PAI (Punto de Atención á Infancia) da localidade e tamén se desenvolven actividades para a veciñanza ao longo do ano. O convenio tamén inclúe a construción dun depósito de auga contra incendios en Cadros, na parroquia de Santo Tomé, para combater lumes forestais.
Obras co Parque Móbil
Tamén en Lourenzá, a Deputación de Lugo realizou melloras en 23.000 m2 de pistas, camiños e accesos nas parroquias de Santo Tomé e San Adriano. Estes traballos consistiron na emulsión dun triplo rego asfáltico, que se realizou cos medios do Parque Móbil, dependente de Xestión Territorial, área da que Tomé Roca é responsable directo. O valor no mercado destes labores ascende a uns 153.000€, unha importante cantidade económica que a institución provincial aforrou ao Concello para poder investir noutras necesidades da localidade.
Mellora da mobilidade en Trabada
Na súa visita á Mariña, José Tomé supervisou tamén varias actuacións financiadas pola Deputación no concello de Trabada. Acompañado da Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, e Alcaldesa da localidade, Mayra García Bermúdez, o Presidente comprobou as melloras na accesibilidade feitas nos accesos á residencia de maiores e ao Centro Etnográfico.
Por un lado, renováronse as beirarrúas da rúa onde está situado o Centro de Atención a Maiores da Deputación e dotouse dunha nova, pola marxe esquerda, á rúa Ría de Abres.
Por outra banda, no entorno do Centro Etnográfico creáronse varios muros de contención, pavimentáronse con plaquetas os accesos e con formigón a praza, rehabilitouse unha fonte de auga e instalouse unha varanda metálica. Así mesmo, dotouse dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e dun peche de ladrillo entre os pilares da parte posterior. En total, estes traballos contaron cun investimento provincial de 90.000€ a través do Plan Único da Deputación.