A Mariña, 2 de outubro de 2020. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, amósase decepcionado pola marxinación da comarca e polas palabras do portavoz do PP Demetrio Salgueiro.
Cajoto sinalou que “de novo chove sobre mollado. Estabamos verdadeiramente ilusionados cando o anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, se comprometeu coa Mariña a impulsar un Plan de Sostibilidade Turística na comarca, dotado con ata 3 millóns de euros. Unha inversión máis que necesaria despois dun mes de xullo nefasto nunha Mariña illada polo COVID e cunha factoría de aluminio –coa crise social que iso conleva- en grave perigo. Unha comarca con enorme potencial e que está sendo maltratada polas administracións”.
O presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz asegurou que “é un deses momentos nos que sinto verdadeira e absoluta decepción porque a Mariña queda relegada de novo, unha vez máis. Ao ofrecemento do Estado de cofinanciamento de dous Plans de Sostebilidade Turística, a Xunta respondeu relegando á Mariña ao cuarto posto dos catro proxectos mellor valorados por Turismo de Galicia. Unha verdadeira mágoa, porque se perde unha primeira oportunidade de recuperar o peso que debe ter unha comarca como a Mariña, que conta cun potencial e uns recursos por explotar”.
O presidente da Mancomunidade solicitou unha reunión urxente co Vicepresidente da Xunta e Conselleiro de Turismo para tratar de reorientar a situación: “o que pretendemos é que se cumpra co compromiso inicial e, xa que non se considerou o da Mariña un proxecto prioritario nesta quenda, se rectifique para posteriores convocatorias, que nos consta se van producir. Así, queremos ter a certeza de que o Proxecto de Sostibilidade da Mariña Lucense –por certo moi ben valorado tecnicamente- sexa o primeiro destino na listaxe galega para a próxima convocatoria da Secretaría de Estado de Turismo. Tamén lle solicitaremos ao Vicepresidente a realización de accións de promoción cos fondos que indicaron que xa tiñan consignados: temos moito traballo por diante e si é certo que esas partidas están dispoñibles por parte da Xunta de Galicia, poderemos dar un impulso ao turismo na comarca aínda que as cantidades sexan menores”.
Fran Cajoto pide altura de miras aos representantes públicos: “parécenme moi graves as declaracións do alcalde de Xove e portavoz do Partido Popular na Mancomunidade: en vez de sumar presionando en Santiago para que se priorizara o proxecto da Mancomunidade da Mariña asume as ordes de partido para iniciar unha confrontación política sen fundamento ningún”. E subliñou que “nunca utilizarei a Mancomunidade como arma política, creo que é un espazo que debemos coidar e chegar aos acordos por consenso, como viñemos facendo: espero que se respecte o traballo común que se veu realizando. Nun clima de colaboración entre alcaldes deberíase ter posto en contacto comigo, estou convencido que as súas verbas serían moi distintas”.