O portavoz dos populares explica que “transcorrido máis dun cuarto de mandato, comprobamos que foi un absoluto erro que o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, se autonomeara delegado de vías e obras provinciais”. Castiñeira di: “Aí está o verdadeiro problema: demasiadas responsabilidades para unha soa persoa, o que o levou a acabar non atendendo a ningunha; o claro exemplo do que dicimos está na desastrosa xestión das estradas provinciais. Podemos dar moitos exemplos”. Engade Castiñeira: “Cando un alcalde ten un problema nunha estrada provincial, resúltalle absolutamente imposible falar co responsable político da área, con José Tomé, e remíteno á oficina técnica, que, evidentemente, ten moi pouca capacidade executiva para avanzar na solución do problema, que é o que queren os mandatarios locais. O delegado, señor Tomé, ou está en Monforte, exercendo de alcalde, ou está en Presidencia firmando convenios con alcaldes socialistas e nacionalistas, pero nunca está en Vías e Obras”.
Para os populares, “o delegado Tomé descoñece a rede de estradas provinciais, que está en estado lamentable, por estar dedicado a outros mesteres”. Citan “estradas en mal estado como as que denunciou o Partido Popular en Cervantes, en Riotorto, en Portomarín, a que enlaza Chantada con O Saviñao pola presa de Belesar (chea de fochancas enormes); tamén estradas provinciais en mal estado que denuncian os propios veciños como a LU-P-1002 en Carballedo, ou a xa mítica en Momán, que ata parece que tivo que intervir a divindade para intentar arranxar esa estrada”.
Castiñeira explica: “Estradas en mal estado hai en practicamente toda a provincia, e outras en proceso de obra pesimamente xestionadas, como a de Castroverde que levou ao pleno o PP, ou a de A Fonsagrada, con paradas e retrasos incomprensibles; di o delegado Tomé, como escusa, que somos a rede viaria máis extensa de España e posiblemente estea no certo. Por iso debe haber un delegado plenamente dedicado ás estradas provinciais. Polo tanto, o PP pide ao presidente Tomé que destitúa ao actual delegado de Vías e Obras, Tomé”.